Deputación de Lugo

Deputación e Eixo Atlántico farán o 1º estudo sobre o servizo de xestión de residuos nos Concellos lucenses

- Levarase a cabo unha análise in situ e individual sobre os factores económicos, sociais, organizativos ou medioambientais desta prestación nos municipios que decidan sumarse a este proxecto, que é totalmente gratuíto para eles - En base aos resultados deste estudo e dentro da aposta persoal do Presidente por mellorar a xestión de residuos nos Concellos, a Deputación proporá medidas para reducir custos ás entidades locais e ofrecer un servizo máis eficiente aos veciños 

Técnicos da área de Medio Ambiente da Deputación e da Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico desprazaranse Aos municipios para estudar, in situ e de xeito individual, unha serie de indicadores deste servizo como, por exemplo, os económicos, organizativos, sociais ou medioambientais

A Xunta de Goberno aprobou o convenio de colaboración da Deputación de Lugo coa Asociación do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular para a posta en marcha dun minucioso estudo sobre o servizo de xestión de residuos urbanos nos Concellos da provincia que decidan sumarse a esta iniciativa, que é totalmente gratuíto para eles. Este acordo enmárcase na aposta persoal do Presidente, Darío Campos Conde, de impulsar medidas coas que contribuír á mellora desta prestación co fin de aforrar custos aos municipios e ofrecer un servizo máis eficiente aos veciños.

Con esta colaboración, Deputación e Eixo Atlántico elaborarán a primeira análise sobre o funcionamento desta prestación nas entidades locais lucenses para, posteriormente, ofrecerlles propostas coas que mellorala e reducir os gastos que esta conleva. 

O voceiro provincial socialista, Álvaro Santos Ramos, explicou que, en primeiro lugar, a Deputación presentarán este proxecto aos Concellos para que se adhiran ao mesmo. Farao nunha xornada informativa no Pazo de San Marcos, que celebrará nas vindeiras semanas. Ademais, o organismo provincial tamén enviará unha comunicación oficial a todas as entidades locais con información detallada sobre o proxecto.

De seguido, técnicos da área de Medio Ambiente da Deputación e da Axencia de Ecoloxía Urbana do Eixo Atlántico desprazaranse aos municipios para estudar, in situ e de xeito individual, unha serie de indicadores deste servizo como, por exemplo, os económicos, organizativos, sociais ou medioambientais. 

Santos Ramos remarcou que “con esta colaboración, acadaremos o primeiro estudo sobre a situción real do servizo de xestión de residuos de cada un dos Concellos da provincia que participen neste proxecto. En base a esta información, e tal e como aposta o Presidente, poderemos ofrecer aos municipios propostas coas que  mellorar o funcionamento desta prestación e aforrar custos”.

Acordo Marco
A Xunta de Goberno aprobou o Acordo Marco da contratación de emulsión asfáltica para o Parque Móbil, que permitirá á institución luguesa aforrar custos correntes. Este Acordo Marco supón a apertura dun proceso de selección de empresas que integrarán unha bolsa de entidades, ás que recorrerá a Deputación para a adxudicación deste material. Cada 6 meses, o organismo provincial contrata 1.600 toneladas de emulsión asfáltica para acondicionar os máis de 4.200 quilómetros de estradas provinciais, así como para arranxar vías municipais; traballo que se leva a cabo dende o Parque Móbil.

“Este Acordo Marcos permítenos aforrar cartos porque, por unha banda, fixamos un prezo máximo para esta prestación, e, ademais, establecemos outros criterios de selección para afondar aínda máis neste aforro. Por exemplo, teremos en conta a situación xeográfica da planta de subministro, valorando positivamente a súa proximidade. Hai que ter en conta que a Deputación só contrata a compra do material, pois é o organismo provincial, cos seus medios, o que se despraza a recollelo. Deste xeito, reduciremos custes de desprazamento. Ademais, axilizaremos os tramites administrativos da contratación deste servizo”, explicou o voceiro.