Menu toggle
Medio Rural e do Mar, Mocidade

Neno no rural

A área de Medio Rural, Mar e Mocidade pretende manter unha relación dinámica e continua coan asociacións que traballen no eido da xuventude, en especial con aquelas que busquen e fomenten o coñecemento e asentamento da mocidade no rural.

É necesario que construamos o Rural do futuro que poña en valor o seu labor invisible: o mantemento da biodiversidade, a ordenación territorial ou a loita contra os incendios. Para iso queremos darlle á mocidade a oportunidade de crear a súa vida na provincia de Lugo, tamén nos concellos pequenos, sen ter que recorrer á emigración como solución para o seu porvir, fixando a poboación e fomentando a súa participación en iniciativas municipais.

Debemos contribuír ao seu libre desenvolvemento persoal e ao fomento de hábitos de vida saudables (entendendo saúde como benestar físico, moral e intelectual) mediante a promoción da autonomía e da liberdade, a través da orientación, a información e a formación en todos os ámbitos, facendo especial fincapé nos que viven no rural e nos colectivos máis desfavorecidos.

Obxectivos específicos:

  1. Contribuír ao desenvolvemento social da provincia.
  2. Impulsar proxectos deseñados para aumentar e mellorar o capital humano a través dunha mellor educación e adquisición de competencias, impulsando a difusión de coñecementos prácticos en materia de tecnoloxías da información.
  3. Favorecer o éxito escolar e potenciar tanto a atención á diversidade do alumnado como a integración do mesmo, tendo en conta as diferenzas por centros segundo a súa localización. Loitar contra o abandono escolar prematuro, sobre todo entre os colectivos máis desfavorecidos.
  4.  Fomentar a educación en valores e potenciar a sensibilización contra as violencias e as desigualdades.
  5. Demandar e promover unha educación sexual de calidade, que teña en conta a diversidade sexual e de xénero.
  6. Promover cursos de idiomas e de tecnoloxías da información para nenos en idades temperás das áreas menos favorecidas, en colaboración coas escolas oficiais de idiomas, coa Universidade. Impartir cursos de idiomas utilizando a colaboración dos centros educativos da comarca, adaptado á poboación de cada zona.
  7. Promover encontros de orientadores educativos e laborais nas escolas para mellorar as estratexias de actuación que orienten aos máis novos nas súas decisións formativas e profesionais, especialmente no medio rural, potenciando a posta en valor das explotacións agrarias, gandeiras e forestais.
  8. Desenvolver vínculos entre o mundo do traballo, a educación, a formación e a investigación.
  9. Previr posibles situacións de desprotección infantil e promover a participación e a autonomía da xuventude.
  10.  Apoiar a aquelas entidades e asociacións que realicen actividades, programas e actuacións destinadas ao desenvolvemento persoal da mocidade, como parte importante do futuro da sociedade, articulando axudas destinadas a atender as súas necesidades concretas de formación e ocio.
  11.  Apoio de actividades e programas que potencien o asociacionismo, a formación e a actividade xuvenil.
  12. Fortalecer as accións locais aproveitando os recursos humanos, as capacidades e habilidades que pode achegar a poboación xuvenil.
  13. Impulso de programas para a creación de bancos de casas en venta ou alugueiro nos concellos con peores condicións demográficas da provincia de Lugo, que permita asentar a poboación nova nos concellos rurais da provincia.