Deputación de Lugo

Máis de 3.800 lucenses están convocados ás probas de selección do “Ben Empregado 3” que o Goberno da Deputación inicia o luns

- En www.deputacionlugo.gal están publicadas as listas de aspirantes seleccionados e excluídos, así como a data na que os candidatos deberán presentarse ás probas
- Dos 3.800 aspirantes a estes empregos, 2.743 concorren á liña A1, na que 116 empresas buscan 126 perfís de diversas profesións. O Goberno da Deputación financiará ao 50% os custes laborais dos traballadores durante un ano
- Outros 534 aspirantes concorren á liña B1, dirixida a persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social. Neste caso, 36 empresas ofrecen 39 empregos. O Executivo Provincial financiará ao 100% os custos salariais
- Finalmente, os restantes 567 demandantes de emprego optan aos 28 postos de traballo da liña 2, que demandan 26 asociacións da provincia, que tamén recibirán o 100% da axuda do Goberno da Deputación

O Goberno da Deputación inicia o luns 27 de marzo as probas de selección dos 193 postos de traballo para persoas desempregadas da provincia, que ofrece en 178 empresas e colectivos sen ánimo de lucro dos 67 Concellos lugueses a través do seu Plan de Emprego “Ben Empregado 3, máis social”.

Están convocados máis de 3.800 lucenses no paro dende o luns e ata o 28 de abril. En www.deputacionlugo.gal están publicadas as listas de aspirantes seleccionados e excluídos, así como a data na que os candidatos deberán presentarse ás probas. As persoas citadas deberán presentarse no día e hora indicados nas Aulas de Formación da Deputación (R/San Marcos, 8), provistas do seu DNI e da documentación relativa aos datos incluídos no currículo. Doutra banda, aqueles candidatos que optan a postos da liña B1 (dirixida a persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social), teñen que xustificar a súa condición mediante certificado oficial expedido polo órgano correspondente, no caso de que non o entregaran anteriormente coa solicitude.

Dos 3.800 aspirantes a estes empregos, 2.743 concorren á liña A1, na que 116 empresas buscan 126 perfís de diversas profesións. O Goberno da Deputación financiará ao 50% os custes laborais dos traballadores durante un ano.

Outros 534 aspirantes concorren á liña B1, dirixida a persoas con capacidades diferentes ou en risco de exclusión social. Neste caso, 36 empresas ofrecen 39 empregos. O Executivo Provincial financiará ao 100% os custos salariais destes profesionais, favorecendo a igualdade de oportunidades.

Finalmente, os restantes 567 demandantes de emprego optan aos 28 postos de traballo da liña 2, que demandan 26 asociacións da provincia, que tamén recibirán o 100% da axuda da Deputación.

193 postos de traballo en toda a provincia
O “Ben Empregado 3, máis social”,  dotado con 2,3 millóns de euros, oferta 193 postos de traballo en toda a provincia. Do total de postos, 34 son en empresas e colectivos sen ánimo de lucro de Concellos da Mariña; 40 da Comarca da Terra Chá; 50 na de Lugo; 16 na de Sarria e 3 na da Ulloa; 19 na da Montaña; 28 en Lemos e Chantada, e outros 3 con mobilidade pola provincia.

Os perfís demandados foron solicitados polas 178 empresas e colectivos sen ánimo de lucro de toda a provincia, que resultaron beneficiadas das axudas do organismo provincial para a contratación de novos traballadores. Para a súa selección, o Executivo Provincial primou ás entidades de nova creación; ás impulsadas por mulleres, maiores de 45 anos ou por mozos de entre 16 e 35 anos. Tamén favoreceu ás entidades e colectivos que propuxeron contratacións indefinidas, cursos de formación, medidas de conciliación laboral ou melloras en canto aos convenios do sector dos traballadores.