Deputación de Lugo

O Campionato de España de Baloncesto Júnior Feminino reuniu a 2.000 persoas na Mariña co apoio do Goberno da Deputación

- O Presidente entregou os trofeos ás vencedoras do campionato, o equipo canario Mas Palomas Spar que venceu por 77 a 63 ao equipo catalán Snatt`s Femini San Adriá - O Executivo da Deputación decidiu apoiar con 22.000 euros este evento deportivo, que supuxo un retorno económico para a Mariña Lucense de 1,5 millóns de euros

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, acompañado polo Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, o Alcalde de Burela, Alfredo Llano García, a Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro García, o Alcalde de Cervo, Alfonso Villares Bermúdez, e o Presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín Micó, participou este sábado na final do XXXVII Campionato de España de Baloncesto Júnior Feminino, que se celebrou no pavillón Vista Alegre de Burela. Campos Conde fixo entrega dos trofeos ás vencedores deste campionato, que conta co patrocinio principal do organismo provincial.

A final foi desputada polo equipo canario Mas Palomas Spar que venceu por 77 a 63 ao equipo catalán Snatt`s Femini San Adriá. O Presidente felicitou a todos os clubes participantes neste encontro e emprazounos a seguir entrenando e loitando para acadar as súas metas.

O Goberno da Deputación apoiou a celebración desta cita nacional cunha achega de 22.000 euros para promover o turismo na Mariña Lucense e incentivar a súa economía, ao mesmo tempo que se aposta polo deporte como un elemento fundamental dentro dun estilo de vida saudable. Así, os Concellos de Viveiro, Burela e Cervo recibiron dende o pasado domingo a visita de 32 equipos femininos chegados de toda a xeografía española, compostos por 500 xogadoras nadas nos anos 1999 e 2000.

A estas cifras hai que engadir decenas de federativos e responsables arbitrais e oficiais de mesa, así como unhas 1.200 persoas que se corresponden con familiares, acompañantes, persoal de axencia de representación deportiva ou afeccionados, o que supón un retorno económico estimado para os tres concellos mariñáns de 1,5 millóns de euros, durante a semana de duración do campionato.