Deputación de Lugo

O Presidente recibe na Deputación os 5 medallistas lucenses dos Special Olympics

- Cinco deportistas de ASPNAIS obtiveron un total de 9 medallas nas competicións de esquí alpino e de raquetas nos Xogos de Inverno celebrados en Austria- Campos Conde destacou o feito de que “os únicos participantes de Galicia nestes xogos de inverno sexan de Lugo e remarcou a importancia de que os éxitos deportivos das persoas con discapacidade intelectual tamén reciban visibilidade”
O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto ao Presidente de ASPNAIS, José Reigosa, e aos 2 monitores da asociación, Mónica Seijas e Pablo Castro, participaron esta mañá na recepción dos 5 medallistas lucenses que competiron nos Special Olympics de Inverno, celebrados en Austria o pasado mes de marzo. Os deportistas, que son usuarios de ASPNAIS, participaron nas probas de esquí alpino e de raquetas de neve e obtiveron un total de 9 medallas, de xeito que resultaron premiados en todas as probas.

Campos Conde felicitou os deportistas polos éxitos colleitados na competición e destacou o feito de que os únicos participantes de Galicia nestes xogos de inverno sexan de Lugo, “o que demostra o bo facer de ASPNAIS no eido deportivo”. Ademais, remarcou “a importancia de eventos como os Special Olympics para promover a integración a través do deporte e a necesidade de que os éxitos deportivos das persoas con discapacidade intelectual tamén reciban visibilidade”.

Os xogos de inverno do Special Olympics reuniron en Austria o pasado mes de marzo a 2.700 deportistas de 107 países e a 1.100 adestradores. ASPNAIS leva dende o ano 1997 participando nas probas de ski e de raquetas deste evento, xa que entre as actividades que ofrece aos usuarios lucenses figura un programa de práctica de deportes de neve. É o único colectivo de Galicia que lles ofrece ás persoas con discapacidade intelectual cursos de esquí.

O grupo deportivo que ASPNAIS desprazou a Austria estivo formado por unha muller e catro homes, de idades comprendidas entre os 39 e os 53 anos. Dous deles competiron en esquí alpino e os 3 restantes, en raquetas. Cada un deles participou en dúas probas e todos obtiveron medallas.

Colaboración con ASPNAIS

O Goberno da Deputación apoia a labor de ASPNAIS a través de diferentes vías de colaboración. O Executivo provincial cedeulle as instalacións do antigo hospital San José a este colectivo sen ánimo de lucro, para que poida utilizalo como sede. O novo espazo, que actualmente se atopa en obras, permitiralle a ASPNAIS atender a 300 persoas con capacidades diferentes de toda a provincia.

Ademais, por iniciativa do Goberno Provincial, a Deputación utiliza como obsequios institucionais pezas de artesanía elaboradas polos usuarios de ASPNAIS. Isto é posible grazas ao convenio asinado polo Goberno da Deputación con ASPNAIS para adquirir as primeiras 825 pezas-obsequio por 18.000 euros.

ASPNAIS tamén recibiu o ano pasado unha contribución de 5.000 euros do Goberno provincial para o desenvolvemento de diferentes programas de atención aos usuarios, unha axuda que se renovará neste ano.

Colaboración con Special Olympics
Special Olympics é unha organización internacional sen ánimo de lucro, fundanda finais dos anos sesenta, para promover a integración social das persoas con discapacidade intelectual a través do Deporte. O Goberno da Deputación colabora coas actividades de Special Olympics Galicia cunha subvención anual de 8.000 euros.