Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación promove hábitos de vida saudables cunha conferencia do recoñecido nutricionista Escribano Zafra

- A charla, que terá lugar o vindeiro venres a partir das 16.30 horas no Salón de Actos da Facultade de Veterinaria do Campus Terra, desenvolverase baixo o título A alimentación no  deporte: a nutrición do futbolista. A entrada é totalmente de balde - Rivera Capón subliñou que “para nós é unha honra contar coa presenza na nosa provincia de Escribano, responsable da Área de Nutrición da Federación Española de Baloncesto e director da Unidade de Nutrición da Federación Española de Fútbol” - Ademais, é asesor en diferentes equipos de fútbol profesional como Sevilla FC, Athlétic de Bilbao, Tottenham, Atlético de Madrid ou RC Deportivo de La Coruña

O Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, presentou este martes unha nova iniciativa do Goberno Provincial para promover hábitos de vida saudables e unha correcta alimentación entre os lucenses. Con este fin, a Deputación organiza este venres, 24 de marzo, unha conferencia impartida polo recoñecido nutricionista Antonio Escribano Zafra, que terá lugar no Salón de Actos da Facultade de Veterinaria (Campus Terra).

Rivera Capón subliñou que “Escribano Zafra é Catedrático de Nutrición Deportiva e responsable médico dende fai máis dunha década da Área de Nutrición da Federación Española de Baloncesto, e director médico dende fai sete anos da Unidade de Nutrición, Metabolismo e Composición Corporal da Real Federación Española de Fútbol”. O Deputado de Deportes engadiu que “para nós é unha honra contar coa súa presenza na nosa provincia, xa que ninguén mellor ca el nos pode falar sobre hábitos de vida saudables e unha alimentación adecuada para a práctica deportiva”.

Escribano é asesor en diferentes equipos de fútbol profesional na área de nutrición, metabolismo e fisioloxía, entre os cales se atopan os seguintes: Sevilla FC, Athlétic Club de Bilbao, Tottenham Hotspur, Atlético de Madrid, Getafe UD, Real Zaragoza, Deportivo de La Coruña, RCD Mallorca, UD Numancia Real Murcia e Xerez CD.

Ademais, colabora semanalmente no programa El Larguero, da Cadena Ser, no programa El transistor, de Onda Cero e no programa Salud al Día, de Canal Sur Andalucía. Tamén ten publicados tres libros: Aprende a comer y a controlar tu peso (2015), Come bien, vive más y mejor (2016) e Batidos para la vida (2017).

Programación
A conferencia do Doutor Escribano desenvolverase baixo o título A alimentación no  deporte: a nutrición do futbolista e terá unha duración aproximada de tres horas, incluíndo un descanso. Os temas que se tratarán son os seguintes:

- A importancia dunha correcta alimentación e nutrición para a práctica e as esixencias do fútbol moderno.
- Como estruturar a nutrición en relación aos diferentes conceptos competitivos (antes, durante e despois dos adestramentos e partidos).
- Como levar a cabo unha correcta hidratación.
- Avaliación da composición corporal e o metabolismo no futbolista.

Regalo de entrada para o CB Breogán-Leyma Coruña
O Deputado de Deportes adiantou ademais que “a cada asistente á conferencia do venres entregaráselle unha entrada para presenciar o derbi galego entre o CB Breogán e o Leyma Coruña, que terá lugar unha vez finalice a charla, ás 20.45 horas, no Pazo dos Deportes”. Esta iniciativa únese á promovida polo organismo provincial e o club celeste para dedicar o encontro do día 24 a por en valor o traballo da Asociación Lucense de Esclerose Múltiple.

Esta entidade sen ánimo de lucro traballa a través de  talleres e cursos para mellorar a calidade de vida dos enfermos. Ademais contan con servizo de rehabilitación, traballo social e terapia ocupacional, así como servizo de información, orientación e asesoramento ás familias. En Galicia unhas 3.000 persoas sofren esclerose múltiple, das que máis de 400 son da provincia de Lugo, unha enfermidade que afecta máis as mulleres e empeza a manifestarse ao redor dos 25 anos. Dáse a circunstancia de que no noso país, a comunidade galega é a que conta coa maior incidencia desta enfermidade debido ás características do clima.