Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación organiza mañá unha conferencia sobre “Historias, segredos e valores do Breogán”

Imaxe deputación de lugo
- O relatorio estará impartido polo xornalista Paco Rivera, un dos informadores que máis anos seguiu ao Breogán neste medio século, como complemento da mostra 50 anos de Breo. Enredando museos, cultura e deporte para a mocidade
- O evento, que terá lugar na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos a partir das 20:00 horas, estará aberto ao público ata completar aforo e a entrada será de balde
- Esta iniciativa enmárcase dentro do contrato de patrocinio que o CB Breogán e a Deputación asinaron para a promoción da provincia e o impulso da integración social, igualdade, solidariedade, compañeirismo ou superación a través do baloncesto

O Goberno da Deputación organiza este mércores unha conferencia sobre “Historias, segredos e valores do Breogán”, que será impartida polo xornalista Paco Rivera, como complemento da mostra 50 anos de Breo. Enredando museos, cultura e deporte para a mocidade. O organismo provincial achega de xeito totalmente gratuíto a todos os lucenses esta exposición, na que se fai un repaso pola historia do CB Breogán con motivo do seu 50 aniversario, ata o 30 de xuño.

O relatorio de mañá, que terá lugar na Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos a partir das 20:00 horas, estará aberto ao público ata completar aforo e a entrada será totalmente de balde. Será a oportunidade de coñecer algunha das moitas “outras historias” que un medio século tan intenso como o do Breogán, deixa na memoria.

O conferenciante
Paco Rivera é un dos informadores que máis anos seguiu ao Breogán neste medio século. El estaba naquelas primeiras retransmisións radiofónicas que contaban os inicios e as primeiras batallas na pista do equipo lucense ante os grandes do deporte da canastra. Paco coñece moitas historias íntimas daqueles primeiros anos e quere compartilas cos afeccionados na súa conferencia de mañá.

Esta iniciativa enmárcase dentro do contrato de patrocinio que o CB Breogán e a Deputación asinaron para a promoción da provincia e o impulso da integración social, igualdade, solidariedade, compañeirismo ou superación a través do baloncesto.