Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación achegou 75.000 euros a 130 deportistas individuais da provincia

- Campos Conde recibiu aos beneficiarios destas axudas no Pazo de San Marcos e entregoulles un diploma en recoñecemento ao seu esforzo en prol do deporte lucense - Do total, 47 axudas foron para atletismo, 20 para taekwondo, 18 para natación, 15 para piragüismo, 9 para tiro olímpico, 8 para triatlón e péntatlon, 5 para loita, 4 para orientación, 2 para tiro con arco; 1 para squash e 1 para karate - Son 66 homes, (51%) e 64 mulleres (49%), os deportistas individuais que recibiron axudas de entre 300 e 2.000 euros en réxime de concorrencia competitiva - O Executivo Provincial introduciu por vez primeira criterios obxectivos para a súa concesión, pois tivéronse en conta os resultados acadados en competicións internacionais, estatais, galegas e provinciais

O Presidente, Darío Campos Conde, e o Deputado de Deportes, Pablo Rivera Capón, recibiron este xoves no Pazo de San Marcos aos lucenses que se beneficiaron das axudas para deportistas individuais que o Goberno da Deputación ofreceu, en réxime de concorrencia competitiva, por valor de 75.000 euros.

Campos Conde entregoulles un diploma en recoñecemento ao seu esforzo en prol do deporte lucense e subliñou que “estamos tremendamente orgullosos de ter uns embaixadores coma vos, pois levades o nome de Lugo e da nosa provincia por todo o territorio nacional e estranxeiro. Somos conscientes das dificultades que supón hoxe en día a práctica deportiva profesional, polos elevados custes de desprazamentos, inscricións en competicións ou material técnico, dificultades que se incrementan no caso dos deportes individuais, por iso quixemos estar ao voso carón e axudarvos, na medida do posible, con estas axudas”.

En total, foron 130 deportistas individuais da provincia de Lugo os que se beneficiaron destas axudas que ofreceu o Goberno da Deputación en réxime de concorrencia competitiva, é dicir ás que puideron optar todos os lucenses interesados, e coas que premiou o esforzo competitivo introducindo novos criterios, totalmente obxectivos, para a súa concesión. As bolsas oscilan entre os 300 e os 2.000 euros.

Foron, concretamente un total de 66 homes (51%) e 64 mulleres (49%) os que recibiron axudas, premiando o esforzo competitivo dos deportistas, posto que por primeira vez, tivéronse en conta os resultados acadados en competicións internacionais, estatais, galegas e provinciais.

Distribución das axudas por modalidade
O Goberno da Deputación achegou un total de 75.000 euros dirixidos a premiar o esforzo competitivo dun total de 130 deportistas lucenses. A distribución das axudas é a seguinte:

- Atletismo: concedéronse un total de 47 axudas, por un valor total de 24.743 euros, que representan o 36,1% do total.
- Taekwondo: concedéronse un total de 20 axudas, por un valor total de 13.879 euros, que representan o 15.3% do total.
- Natación: concedéronse un total de 18 axudas, por un valor total de 11.635 euros, que representan o 13.8% do total.
- Piragüismo: concedéronse un total de 15 axudas, por un valor total de 7.762 euros, que representan o 11.5% do total.
- Tiro olímpico: concedéronse un total de 9 axudas, por un valor total de 4.863 euros, que representan o 6.9% do total.
- Tríatlon e péntatlon: concedéronse un total de 8 axudas, por un valor total de 4.411 euros, que representan o 6.1% do total.
- Loita: concedéronse un total de 5 axudas, por un valor total de 3.209 euros, que representan o 3.8% do total.
- Orientación: concedéronse un total de 4 axudas, por un valor total de 2.257 euros, que representan 3% do total.
- Tiro con arco: concedéronse un total de 2  axudas, por un valor total de 758 euros, que representan o 1.5% do total.
- Squash: concedeuse 1 axuda, por un valor total de 667 euros euros, que representan o 0.7 % do total.
- Karate: concedeuse 1 axuda, por un valor total de 385 euros, que representan o 0.7 % do total.

4 grupos de beneficiarios
As axudas distribuíronse entre 4 grupos de beneficiarios segundo a idade dos aspirantes a data de 31 de decembro de 2015:
- Ata 16 anos. Son un total de 86 axudas por valor de 49.703 euros, o que representa o 66.1% do total.
- De 17 ata 25 anos. Son un total de 40 axudas por valor de 22.968 euros, o que representa un 30.7% do total.
- De 26 ata 35 anos. Son total de 3 axudas por valor de 1.993 euros, o que representa o 2.3%.
- Deportistas con capacidades diferentes (sen límite de idade). É unha axuda por valor de 336 euros, que representa o 0,7%.