Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación impulsa a comercialización dos produtos lucenses coa VII Festa do Viño de Negueira de Muñiz

- O evento reuniu a 15 viticultores da Montaña Lucense que puxeron a disposición dos asistentes 225 litros de viño. Tamén se puxeron á venda outros alimentos producidos na zona, tales coma froitas, hortalizas ou embutidos elaborados artesanalmente
- Campos Conde subliñou que “esta cita experimentou un crecemento exponencial. O que comezou como unha cata de viños entre os produtores da zona, hoxe podemos dicir que xa é un evento consagrado no calendario festivo da nosa provincia”

O Presidente, Darío Campos Conde, acompañado do Alcalde de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña Pereda, participou este sábado na VII Festa do Viño deste municipio lucense, organizada pola Asociación para a Defensa das Variedades Autóctonas e Viñedos da Ribeira do Navia. O Goberno da Deputación vén apoiando nos últimos anos a organización deste certame, que recibiu no ano 2016 unha axuda de 1.000 euros. Do orzamento 2017, o Goberno destinará a Negueira de Muñiz, no marco do Plan Único, 189.000 euros. E desta cantidade, o Concello poderá investir 6.000 euros no impulso de iniciativas como esta.

Campos Conde subliñou que “a Festa do Viño de Negueira de Muñiz experimentou un crecemento exponencial. O que comezou como unha cata de viños entre os produtores da zona, hoxe podemos dicir que xa é un evento consagrado no calendario festivo da Montaña Lucense. Na pasada edición, a pesar de que o tempo non acompañou, bateuse o récord de participación, e esta fin de semana centos de persoas volverán a facer desta festa todo un éxito”.

O Presidente engadiu que “é fundamental colaborar na organización deste tipo de iniciativas que axudan a poñer en valor os produtos autóctonos da provincia, impulsando a economía lucense a través da súa gastronomía, e dando a coñecer as súas potencionalidades, incentivando o turismo, debido á gran repercusión que teñen estes eventos nas vilas, especialmente no rural lugués”.

225 litros de viño
A asociación impulsora da feira reúne a quince viticultores que producen nas zonas de montaña da provincia, e que buscan unha produción de calidade, caracterizada pola singularidade e a calidade, fronte á cantidade producida noutras zonas vinícolas. Durante a festa, os asistentes puideron adquirir unha cunca de madeira por 6 euros, e con esta probar os 15 litros que cada bodega puxo á súa disposición de balde. Tamén se puxeron á venda outros alimentos producidos na zona, tales coma froitas, hortalizas ou embutidos elaborados artesanalmente.

Programación
12:00 horas: Apertura do Mercado de produtos da zona.
13:00 horas: Pregón a cargo de Luis Paadín (Sumiller e autor da guía de viños de Galicia).
13:30 horas: Actuación do grupo folclórico “A Seara” de Chantada.
14:00 horas: Xantar (haberá polbo e churrasco).
16:30 horas: Festa rachada, a cargo da orquestra Breixa Band e Tania e o seu acordeón.