Deputación de Lugo

O Museo Provincial acolle máis de 100 fotografías dos alumnos do CEIP Manuel Mallo Mallo de Nadela

- Trátase da mostra Olladas da infancia,  dos rapaces de 5ºde Primaria que participan no proxecto Fotografía en curso e que estará exposta durante o fin de semana - Campos Conde destacou que “con esta iniciativa os nenos da provincia aprenden a manexar as novas tecnoloxías ao tempo que potenciamos o uso da creatividade” - Os  alumnos decidiron retratar a carballeira que está preto do centro para amosar a beleza do entorno, o clima, a vexetación e a relación do home sobre a paisaxe

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, inaugurou este venres na Sala Multiusos do Museo Provincial de Lugo a mostra Olladas da infancia: carballeira aloumiñada que estará exposta durante o fin de semana. Fíxoo acompañado da Directora do CEIP Manuel Mallo Mallo de Nadela, María Teresa de Juan; a Coordinadora do proxecto, Gemma Lombó; e aos autores da mostra, os 11 alumnos que participan no proxecto Fotografía en curso coordinado polo Centro Galego de Artes e que se inclúe dentro do Plan Proxecta da Consellería de Educación. Durante o acto, a zanfoñista Eva Rodríguez e o coro infantil do Conservatorio Xoán Montes interpretaron varias pezas musicais. Ademais o poeta Jesús Trashorras recitou o seu poema sobre a Carballeira que foi empregado no proxecto.

Campos Conde felicitou aos rapaces polas fotografías feitas e puxo en valor o traballo dos docentes que “con estas iniciativas os nenos da provincia coñecen e aprenden a manexar as novas tecnoloxías ao mesmo tempo que potencian o uso da creatividade e orixinalidade. Dende as institucións públicas temos que achegar ferramentas pedagóxicas aos nosos centros educativos para que os nosos alumnos sexan capaces de adquirir coñecementos novos nun entorno lúdico que estimule a súa aprendizaxe.”

Olladas da infancia: carballeira aloumiñada
A exposición conta con máis de 100 fotografías dos alumnos de 5º Curso de Educación Primaria do CEIP Manuel Mallo Mallo, un dos 6 centros galegos que participan no proxecto Fotografía en curso, queten como obxectivo fomentar o traballo en equipo e explotar as numerosas posibilidades educativas do mundo da fotografía nos participantes.

O proceso comezou coa formación do profesorado sobre conceptos básicos da fotografía e despois o alumnado comezou a practicar empregando de hilo condutor a carballeira próxima ao centro. Os rapaces decidiron retratar a carballeira para amosar a beleza do entorno, o clima, a vexetación e a relación do home sobre a paisaxe e as relacións humanas que se producen nela.