Deputación de Lugo

Campos Conde propón por 2ª vez unha reunión de traballo para desbloquear a candidatura da Ribeira Sacra

Imaxe deputación de lugo
- O Presidente da Deputación de Lugo fixo esta proposta á Directora Xeral de Patrimonio, ao Presidente da Deputación de Ourense e á Valedora do Pobo para manter un encontro nos vindeiros días no Pazo de San Marcos - Campos Conde, que xa propuxo un encontro en xullo de 2016, fai esta solicitude logo de trasladar a Feijóo a necesidade de retomar de xeito inmediato a candidatura da Ribeira Sacra e acadar o seu compromiso - Tras presentar á Dirección Xeral de Patrimonio os resultados do estudo que financiaron as Deputacións de Lugo e Ourense e que elaboraron expertos xunto ao Valedor do Pobo, dito departamento da Xunta mantén dende hai 2 anos paralizada a candidatura

O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, vén de propoñer por segunda vez unha reunión de traballo para desbloquear a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Así llo trasladou de novo por carta á Directora Xeral de Patrimonio, María del Carmen Martínez; ao Presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar Blanco; e á Valedora do Pobo, Milagros Otero. Son as administracións que se sumaron á aposta do organismo provincial lugués de acadar este distintivo internacional e que traballaron conxuntamente cara este obxectivo.  

Logo de ter proposto un 1º encontro en xullo, que finalmente non tivo lugar; Campos Conde decidiu propoñer por segunda vez un encontro tras trasladar ao Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a “necesidade de retomar de xeito inmediato” a candidatura da Ribeira Sacra no encontro que mantivo co mesmo o pasado 8 de marzo, e no que conseguiu o compromiso de Feijóo para facelo. Semanas máis tarde, o mandatario autonómico reiterou este mesmo compromiso ao Presidente da Deputación de Ourense.

Tendo en conta o anterior, e “sabendo da absoluta implicación do Valedor do Pobo”, o titular provincial lugués propuxo esta reunión de traballo no Pazo de San Marcos da Deputación de Lugo para “os vindeiros días”, coordinando as axendas de ditos representantes institucionais para consensuar unha data, e na que participen técnicos das propias administracións.

“Creo que é imprescindible poñer en común e estudar o traballo que xuntos levamos a cabo ata o momento para poder proseguir coa candidatura da Ribeira Sacra, pois esta é unha grande oportunidade para Galicia, que require da suma de esforzos de todos nós para que verdadeiramente sexa unha realidade”, apunta na carta remitida.

Paralizada pola Xunta dende hai 2 anos
Neste senso, cómpre lembrar que a candidatura está paralizada dende o verán de 2015, xa que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural rexeitou o estudo técnico da candidatura, que financiaron as Deputacións de Lugo e Ourense, e que elaborou un equipo de expertos baixo a coordinación do Valedor do Pobo. Foi esta última entidade, a que se puxo en contacto con dito departamento da Xunta para solventar as diferenzas técnicas, non acadando nunca a resposta de Patrimonio.

Feijóo propuxo outro camiño
As Deputacións de Lugo e Ourense xunto ao Valedor do Pobo traballaron sempre cara a declaración de Patrimonio Cultural da Humanidade, que require que bens patrimoniais da Ribeira Sacra sexan declarados BIC por parte da Xunta de Galicia, administración que asumiría por lei a conservación dos mesmos. Tras anos de traballo neste senso, no discurso de investidura do Presidente da Xunta, Feijóo apostou por acadar o recoñecemento de Reserva da Biosfera para a Ribeira Sacra, o que supón un xiro de 360 graos en canto aos trámites necesarios e os prazos, xa que coleva traballar, posteriormente ao recoñecemento como Reserva da Biosfera, cara a súa declaración como Patrimonio Natural da Humanidade. Por todo isto, o Presidente da Deputación considera “imprescindible” poñer en común e estudar o traballo levado a cabo, así como traballar conxuntamente cara a mesma dirección.

Cronoloxía dos feitos
O Presidente lembrou que foi no 2011 cando a Deputación de Lugo apostou por acadar a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Posteriormente, a este proxecto sumouse a Deputación de Ourense, pois ambas as dúas provincias comparten este espazo natural, que distribúe en 21 Concellos, así como os municipios e o Consorcio da Ribeira Sacra.

A Deputación de Lugo iniciou unha campaña de recollida de sinatura, que superou o apoio de 55.000 persoas. O organismo provincial lugués e o ourensán decidiron financiar aos 50% con 100.000 euros en total estudo que recollese a documentación necesaria para presentar a candidatura. As Deputación acudiron ao Valedor do Pobo para elaborar, coa axuda dun equipo de expertos, dito traballo.

O Valedor do Pobo fíxoo e presentouno á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, xa que é este departamento da Xunta de Galicia o responsable de presentar esta candidatura ao Ministerio de Cultura quen, á súa vez, ten que dirixila á UNESCO.

Patrimonio indicou que era necesario facer modificacións nesta documentación para adaptala ás directrices da UNESCO. Por este motivo, de seguido a Valedora do Pobo se puxo en contacto coa Consellería solicitando á Dirección Xeral de Patrimonio que designase un técnico da propia Consellería para que técnicos e expertos revisasen e validasen toda a documentación. Sen embargo, a administración autonómica nunca respondeu á proposta da Valedora.

Ante esta situación e transcorrido un ano, Campos Conde propuxo en xullo de 2016 a celebración dunha reunión conxunta con técnicos de todas as institucións, que nunca chegou a celebrarse. Agora, tras acadar o compromiso de Feijóo, o Presidente da Deputación propón esta segunda reunión de traballo.