Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación ponse na pel dunha persoa con mobilidade reducida para comprobar as barreiras que atopan

- Darío Campos Conde participa nas Xornadas de Accesibilidade Universal que organiza hoxe AUXILIA Lugo, PREDIF Galicia e Lugo Monumental na Praza da Soidade e que pretenden sensibilizar á sociedade das barreiras que ainda existen nas nosas rúas
- As xornadas permiten que calquera se poida poñer na pel  dunha persoa con mobilidade reducida para experimentar as dificultades que atopan para moverse
- O Goberno da Deputación apoia proxectos de fomento da autonomía persoal como os levados a cabo por AUXILIA Lugo ou AUXILIA Monforte de Lemos, con 5.000 euros para cada un deles. A Rede Museística Provincial de Lugo segue a ser un exemplo pola súa implicación con diferentes colectivos de persoas con diversidade funcional

O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, participou hoxe na Xornadas de Accesibilidade Universal que organiza AUXILIA Lugo, PREDIF Galicia e Lugo Monumental na Praza da Soidade e que pretenden sensibilizar a toda a sociedade das barreiras que ainda existen nas nosas rúas.

Campos Conde púxose na pel dunha persoa con mobilidade reducida e, nunha cadeira de rodas, puido comprobar as dificultades que hai na rúa para que se poidan desprazar de xeito autónomo. O obxectivo destas xornadas é permitir que calquera persoa poida vivir esta experiencia e saber valorar que non todo o mundo ten as mesmas facilidades para desprazarse pola rúa.

As xornadas tamén son un punto de encontro para os representantes dos diferentes colectivos de persoas con discapacidade da cidade de Lugo, onde poden debater e compartir diferentes ideas sobre as necesidades de accesibilidade que detectan.

A Deputación co fomento da autonomía persoal
O Goberno da Deputación quere seguir participando e apoiando aqueles proxectos que teñen como obxectivo o fomento da autonomía persoal. Actualmente xa colabora con AUXILIA Lugo ou con AUXILIA Monforte de Lemos, con 5.000 euros para cada un deles.

Así mesmo, a Rede Museística Provincial de Lugo é un exemplo pola súa implicación e colaboración cos diferentes colectivos de persoas con diversidade funcional. De feito, o Museo do Mar en San Cibrao, que forma parte da rede, é o museo máis accesible de Galicia, xa que está adaptado ás diferentes necesidades das persoas con algún tipo de discapacidade.

Entre os proxectos máis destacados da Rede Museística está a mostra Fotografía: A CEGAS, un proxecto con persoas invidentes que, coa axuda de profesionais, artistas e persoal dos catro museos da provincia, aprenderon a realizar fotografías cun gran valor artístico.  

A Rede Museística Provincial de Lugo xa foi premiada co Premio Solidaridad da ONCE (Organización Nacional de Ciegos Españoles) polo seu traballo e implicación con este colectivo.

Outras iniciativas da Rede Museística son Eu en ti e ti en min en colaboración coa asociación de persoas con autismo Raiolas, o Álbum de memoria compartida, dirixido a persoas que padecen alzheimer, ou Artability con COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade). Moitas destas iniciativas están sendo imitadas tanto noutros puntos de España coma fóra do noso país.