Deputación de Lugo

A deseñadora Kei Ito impartirá en Lugo o curso Novas Formas no Deseño de MODA

Os alumnos que acaden a mellor cualificación poderán realizar coleccións para Avantcraft

O vindeiro martes, día 27, dará comezo o curso de Novas Formas no Deseño de MODA organizado polo Centro de Artesanía e Deseño, organismo dependente da Deputación de Lugo. O curso está dirixido a profesionais do sector, entre eles: patronistas, modistas, artesáns téxtis, artistas e deseñadores. A deseñadora Kei Ito será a encargada de impartir o curso que se desenvolverá no CENTRAD desde o martes 27 ata o 30 de novembro en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas. A artista xaponesa explora unha variedade de medios do espectro da arte, moda, produtos téxtiles, accesorios, vestiario e instalación. O seu traballo relata a forma na que se observa o corpo como se fora “o centro do ter e do ser do mundo”. A obra de Kei Ito inclúe dous medios esenciais, o medio do corpo e o medio dos téxtiles. A arte de crear os dous medios fala co outro, de xeito que os dous poden revivir dunha forma nova e inesperada. Kei é parte dunha xeración de mulleres japonesas que deixaron Xapón a finais dos anos 80 inmersas nunha completa sensación de perda do proxecto social. En 1998 recibiu o premio Beca para inicio de actividade, Crafts Council e no ano 2001 o de Beca “Visual Arts”, Arts Council, Londres. Autora de varias publicacións e de distintas exposicións ofrece ós asistentes do curso o seu labor como deseñadora de moda. Con capacidade para 12 persoas, o curso consta dun programa variado que abarcará os principios básicos do deseño, como liberarse dalgunhas ideas preconcebidas, as formas naturais como patróns visuais para o deseño, convertir o debuxo en roupa, o propio deseño de patróns, a resposta dos tecidos ó movemento do corpo e o propio proceso de construcción. Os alumnos que acaden a mellor cualificación terán a oportunidade de levar a cabo coleccións para Avantcraft baixo a dirección da artista xaponesa e coordinados polo Centro de Artesanía e Deseño de Lugo. O prezo da matrícula é de 32 euros.