Deputación de Lugo

161 lucenses no paro comezan a traballar en 145 empresas e colectivos da provincia co Ben Empregado 3

- O Presidente recibiu aos primeiros participantes no plan de emprego do Goberno da Deputación que xera emprego de calidade, financiando durante 1 ano novos contratos laborais con cláusulas sociais en defensa dos traballadores - Son 29 traballadores os que retoman a súa vida laboral na Mariña, 76 na zona Centro, 15 na Comarca de Sarria, 3 na Ulloa, 14 na Montaña e 24 no Sur - Campos Conde adiantou que o luns ábrese o prazo de solicitude doutros 32 empregos, pois o Ben Empregado 3, máis social ofrece un total de 193 postos de traballo en 178 entidades e asociacións sen ánimo de lucro da provincia

O Presidente, Darío Campos Conde, recibiu hoxe aos 161 lucenses no paro que comezan a traballar, así como aos representantes das 145 empresas e colectivos sen ánimo de lucro de 51 Concellos da provincia onde o fan, a través do Ben Empregado 3, máis social. Fíxoo tras aprobar na Xunta de Goberno deste venres a resolución destes empregos.

Trátase da terceira edición do plan de emprego do Goberno da Deputación. Está dotado de 2,5 millóns de euros e xera postos de traballo de calidade. Financiase a contratación durante 1 ano de desempregados lucenses en empresas e colectivos da provincia. É máis social porque inclúe unha liña dirixida a contratación de persoas con capacidades diferentes, asúmese a dotación do equipamento necesario para o desempeño da súa actividade laboral e se incrementan as cláusulas sociais nos contratos para defender os dereitos dos traballadores, así como as medidas de control para garantilo.

Dese xeito, as cláusulas sociais xa se incorporaron na selección das entidades para primar ás de nova creación, ás impulsadas por mulleres, maiores de 45 anos ou por mozos de entre 16 e 35 anos. Tamén se favoreceu ás empresas e colectivos sen ánimo de lucro que propuxeron contratacións indefinidas, cursos de formación, medidas de conciliación ou melloras en canto aos convenios do sector. Ademais, excluíuse a aquelas que participaron nas dúas anteriores edicións do Ben Emprego que tras deixar de recibir a subvención non mantiveron aos traballadores.

No caso de incumprimentos das cláusulas sociais, as empresas e colectivos poderán perder a subvención, que é dun máximo de 22.000 euros por entidade. O Goberno da Deputación incrementou as medidas de control. Por exemplo, as contratistas terán que rendir contas todos os meses (os 10 primeiros días) para comprobar, con documentación oficial, se ingresan en tempo e forma as correspondentes nóminas

Máis emprego o luns
Campos Conde explicou que en total co Ben Empregado 3, máis social se ofrecen 193 postos de traballo en 178 entidades e asociacións sen ánimo de lucro da provincia. O prazo de solicitude dos 32 empregos restantes abrirase o luns. Os perfís publicaranse na Bolsa de Emprego que o Goberno Provincial habilitou en www.deputacionlugo.gal. Poderán concorrer aos mesmos todos os lucenses no paro que estean interesados.

161 novos traballadores
As 161 persoas que comezan a traballar en 145 empresas e colectivos sen ánimo de lucro de 51 Concellos da provincia distribúense do seguinte xeito:

- 104 persoas fano en 96 empresas lucenses, ás que o Goberno da Deputación lles financia ao 50% os custos laborais destes novos traballadores durante 1 ano.

- 29 persoas con capacidades diferentes noutras 28 empresas lucenses, ás que, dentro da súa aposta pola igualdade de oportunidades, o Goberno da Deputación lles financia ao 100% os custos laborais dos novos traballadores durante 1 ano, ao tempo que colabora na dotación do equipamento necesario para que poidan desenvolver a súa actividade laboral.

- 28 persoas en 26 asociacións e colectivos sen ánimo de lucro da provincia, ás que, dentro da súa aposta por impulsar a actividade do tecido asociativo, lles financia ao 100% os custos laborais dos novos traballadores durante 1 ano.

Distribución por Comarcas e Concellos
Na Mariña, son 29 os desempregados lucenses que comezan a traballar en 23 empresas e 4 asociacións sen ánimo de lucro de 12 Concellos: Burela,  Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, A Pontenova, Ribadeo, Riotorto, Trabada, Ourol, Viveiro e Xove.   

Na zona Centro, son 76 desempregados lucenses que comezan a traballar en 55 empresas e 16 colectivos sen ánimo de lucro de 15 Concellos: Abadín, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Cospeito, Guitiriz, Meira, Outeiro de Rei, Pol, Portomarín, Vilalba, Lugo, A Pastoriza e Xermade.

Na Comarca de Sarria, son 15 desempregados lucenses que comezan a traballar en 13 empresas e 1 colectivo sen ánimo de lucro de 4 Concellos: Sarria, O Incio, Láncara e Triacastela.

Na Ulloa, son 3 desempregados lucenses que comezan a traballar en 3 empresas de 2 Concellos: Monterroso e Palas de Rei.

Na Montaña: son en total 14 desempregados lucenses que comezan a traballar en 11 empresas e 2 colectivos sen ánimo de lucro de 8 Concellos: Baralla, Becerreá, Cervantes Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Navia de Suarna, As Nogais e Ribeira de Piquín.

Na zona Sur, son 24 desempregados lucenses que comezan a traballar en 18 empresas e 3 colectivos sen ánimo de lucro de 10 Concellos: Bóveda, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Sober e Taboada.