Deputación de Lugo

O Goberno da Deputación pon en marcha axudas de 485.000 euros con criterios sociais para clubs deportivos da provincia

- Trátanse das subvencións de concorrencia competitiva para actividades federadas e eventos deportivos puntuais. En concreto son: 400.000 euros para a actividade competitiva e 85.000 euros para a organización de eventos deportivos.
- Criterios sociais en impulso á igualdade e á integración e en recoñecemento ao esforzo competitivo. Así, valorarase positivamente aos equipos mixtos, femininos ou con persoas con capacidades diferentes, e os resultados ou ascensos deportivos
- Como novidade este ano, na liña de axudas á actividade competitiva cada disciplina deportiva conta cun importe de acordo co número de licencias oficiais que posúe cada modalidade na provincia de Lugo
- Con esta liña de axudas, a Deputación de Lugo segue a ser a Deputación de Galicia que máis inviste en Deporte e a administración pública que máis inviste en deporte na provincia de Lugo, ata oito veces máis que a Xunta de Galicia

O Executivo da Deputación aprobou hoxe na Xunta de Goberno axudas de 485.000 euros, dirixidas a todas as entidades e clubs deportivos da provincia. Así o informou o voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, que explicou que “son as subvencións de concorrencia competitiva para actividades federadas e eventos deportivos puntuais. En concreto son 400.000 euros para a actividade competitiva, e 85.000 euros para a organización de eventos deportivos”. Santos Ramos avanzou que na anualidade anterior, foron un total de 542 clubs e entidades deportivas de 54 Concellos da provincia as que se beneficiaron desta liña de axudas.

“Agora enviaremos estas axudas á Base Nacional de Subvencións para, en 2 semanas aproximadamente, podelas publicar no Boletín Oficial da Provincia. Os clubs e entidades deportivas interesadas en concorrer a estas axudas disporán dun prazo de 15 días hábiles, a partir do día seguinte á publicación das bases no BOP, para solicitalas. Deberán formalizar a súa solicitude a través do Rexistro Xeral da Deputación. Os requirimentos para emendar as posibles deficiencias de documentación realizaranse exclusivamente a través da páxina web da Deputación”, destacou o voceiro do Goberno.

“Con esta liña de subvencións que hoxe aprobamos, buscamos continuar sendo a Deputación galega que máis inviste en deporte. De feito, a de Lugo é a administración pública que máis inviste en deporte na provincia de Lugo, ata oito veces máis que a Xunta de Galicia”.

Axudas máis sociais
Como na anterior anualidade, incorpóranse criterios sociais nas bases destas axudas en impulso á igualdade e á integración, así como en recoñecemento ao esforzo competitivo. Deste xeito, valorarase positivamente aos equipos mixtos, femininos ou con persoas con capacidades diferentes. Tamén a aqueles que sexan de localidades pequenas, de Concellos de menos de 2.000 habitantes, especialmente do rural, e tamén puntuarán os resultados ou ascensos deportivos.

Como novidade este ano, na liña de axudas á actividade competitiva cada disciplina deportiva conta cun importe de acordo co número de licencias oficiais que posúe cada modalidade na provincia de Lugo.
Así mesmo, os clubs ou entidades deportivas que desenvolvan a súa actividade competitiva en máis dunha disciplina deportiva poderán optar a un máximo de tres axudas: dúas solicitudes por actividade competitiva e unha por organización de eventos deportivos.

O importe mínimo das axudas á actividade competitiva será de 300 euros e o máximo de 4.000, mentres que na liña de axudas á organización de eventos a cantidade mínima a percibir será de 300 euros e a máxima de 2.000 euros.

Melloras en estradas
A Xunta de Goberno iniciou a contratación dos traballos de mellora de case 2 quilómetros da estrada que vai de San Cristóbal a Adai, no Concello do Corgo, cun importe máximo de 460.800 euros. Trátase dunha actuación incluída no Plan de Mellora Integral da Rede Viaria Provincial que puxo en marcha o Goberno da Deputación, dotándoo con máis de 6 millóns de euros. Isto permitiu que realizar melloras nuns 120 quilómetros de máis 40 estradas provinciais en 26 Concellos da provincia.

As actuacións, que se levarán a cabo entre os puntos quilométricos 1,530 e 3,200 da LU-P-1602, consistirán na realización dunha variante nesta vía, que é unha das canles de comunicación máis empregadas da zona pois une numerosos núcleos rurais da zona norte do municipio; así como a N-6 coa capitalidade do municipio. Esta estrada é ademais a que conecta O Corgo coa capital lucense. Cómpre lembrar que estas obras compleméntanse as xa executadas polo Goberno da Deputación dende o comezo da estada ata o punto quilométrico 1,540 e que serviron para mellorar tamén a seguridade da mesma pois elimináronse e suavizáronse curvas perigosas. Os traballos consistirán na mellora integral da vía con aglomerado en quente e mellorarase a seguridade da mesma, coa instalación da sinalización horizontal e vertical.

Santos Ramos destacou tamén que estas actuacións de mellora da rede provincial súmanse as que executaremos nesta anualidade, co Plan Plurianual de Estradas Provinciais, que presentou o Presidente ao Pleno e que dotou con 15 millóns de euros. O voceiro explicou que o que se aprobou na sesión plenaria foi a emenda de substitución que presentou o equipo de Goberno e criticou que “o Partido Popular intente, unha vez máis, facer seu un proxecto que nace da intención de buscar consenso, que sempre defende o Presidente”.

A Xunta de Goberno resolveu a contratación dunha pequena empresa da provincia (Sarria), para a realización dos traballos de roza en estradas provinciais de 2 Concellos: Pantón e Sober. Coa contratación aprobada hoxe e as anteriores, son xa 650.000 euros os que o Goberno Provincial leva investido na roza de vías provinciais de 62 municipios da provincia. Nas vindeiras semanas, adxudicaranse os traballos de roza nas estradas provincias dos restantes 5 Concellos da provincia (O Incio, Triacastela, Samos, Mondoñedo e Abadín), con outros 150.000 euros, sumando en total 800.000 euros para a roza de estradas nos 67 Concellos.

Máis emprego
A Xunta de Goberno resolveu a contratación dun desempregado lucense que comezará a traballar de auxiliar de camareiro na Fonsagrada, a través do Ben Empregado 3! Máis social.