Deputación de Lugo
Turismo

Aprobado no Pleno o ingreso da Deputación na Ruta Transrománica europea para promocionar a provincia

Ruta Transrománica
promoción turística
Imaxe deputación de lugo
O Pleno acordou este martes entrar nesta entidade, o que sitúa ao románico lucense no máis alto nivel de recoñecemento e visibilidade europeos, contribuíndo á promoción turística da provincia nun momento de gran dificultade para o sector

García Porto subliñou que esta medida “forma parte da aposta que desenvolve a Deputación por promocionar o territorio a través dun turismo de calidade, que pon en valor a riqueza patrimonial, creando emprego e fixando a poboación”

A Deputación recupera a dispoñibilidade de 4,5M€ grazas á decisión do Goberno central de suspender as regras fiscais como medida extraordinaria para axudar ás administracións a combater os efectos sociais e económicos da pandemia

A Corporación provincial aprobou por unanimidade que a Deputación de Lugo se adhira á asociación Ruta Transrománica, un organismo con selo de calidade do  Consello de Europa que ten como obxectivo fundamental o estudo da arte románica europea e a promoción dos itinerarios artísticos a nivel internacional. O Presidente, José Tomé Roca, promoveu o ingreso da institución nesta entidade europea, o que sitúa ao románico lucense no máis alto nivel de recoñecemento e visibilidade europeos, contribuíndo á promoción turística da provincia nun momento de gran dificultade para o sector debido á pandemia. 

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, lembrou que a institución provincial sacou adiante, en menos de un ano, unha candidatura “rigorosa e de calidade que fixo posible entrar nesta entidade. Hoxe referéndase a aposta e o traballo que vimos desenvolvendo dende a Deputación por promocionar o territorio a través do turismo. Un turismo de calidade, de experiencias, respectuoso co entorno, que pon en valor a riqueza patrimonial, e con capacidade para atraer a visitantes ao longo de todo o ano, ao tempo que crea emprego e fixa poboación, sobre todo no rural”.

Deste xeito, o Presidente cumpre co compromiso que fixo hai menos dun ano, en novembro de 2019, no Parador de Monforte, durante unhas xornadas sobre a importancia do románico no Camiño de Inverno organizadas pola Fundación Juana de Vega, onde anunciou a súa vontade de liderar e impulsar a integración do románico da Ribeira Sacra na Rede Europa de Itinerarios Culturais Europeos, dentro da Asociación Ruta Transrománica.

García Porto destacou que “a presencia da provincia na Transrománica grazas á iniciativa da Deputación tamén será un importante apoio para a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, unha candidatura que foi impulsada pola Deputación de Lugo e á que logo se sumaron outras administracións, como a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia”, e servirá igualmente para a promoción do Camiño de Inverno de cara ao Xacobeo 2021.

Selo de Itinerario Cultural
A Ruta Transrománica está recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa e trátase dunha das principais rutas culturais paneuropeas. Está integradapor 12 rexións de 9 países da Unión Europea -Austria, Alemaña, Francia, Italia, Romanía, Portugal, Serbia, Eslovaquia e España- e aglutina un conxunto de monumentos románicos, moitos deles declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

A provincia de Lugo é o terceiro lugar de toda España que entra a formar parte desta entidade, despois de Castela e León, co mosteiro de Santo Domingo de Silos e a cidade de Zamora. 

Por medio da colaboración transrexional e transnacional e de acordos entre os sectores públicos e privados, a asociación Ruta Transrománica persegue hoxe un triplo obxectivo, como é fomentar o estudo do románico, dar visibilidade a esta arte mediante a organización de eventos culturais de todo tipo e garantir que os sitios sexan accesibles ao público máis amplo posible. 

Dez igrexas de dez concellos da Ribeira Sacra
A candidatura que presentou a Deputación de Lugo recolle 10 igrexas de arte románico situadas en 10 concellos da Ribeira Sacra. Fíxose esta selección para asegurar a maior representación posible do territorio, aínda que a vontade da institución e ir incluíndo progresivamente máis monumentos no itinerario. 

As igrexas que inclúe a candidatura son as seguintes: o mosteiro do Divino Salvador, en Ferreira de Pantón; a igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo; a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a igrexa de San Pedro de Ribas Altas, en Monforte de Lemos; a igrexa de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; a igrexa de San Nicolás ou San Xoán, en Portomarín; a igrexa de Santa María de Torbeo, en Ribas de Sil; a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao; a igrexa de Santa María de Proendos, en Sober; e a igrexa de Santa María de Taboada dos Freires, en Taboada. 


4,5M€ dispoñibles
O Pleno tamén declarou dispoñible para o uso da Deputación un importe total de 4,5M€, dos que 3,7M son de remanentes e 750.000 de aplicacións orzamentarias deste mesmo ano 2020, unha cantidade que fóra conxelada na sesión plenaria de maio para cumprir co Plan Económico Financeiro da institución.

A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, explicou que esta medida “é posible despois acordo adoptado polo Consello de Ministros do pasado día 6 de outubro, ratificado polo Congreso dos Deputados o día 20 do mesmo mes, e que consiste na suspensión das tres regras fiscais de estabilidade, endebedamento e regra de gasto para os anos 2020 e 2021 como medida extraordinaria para dar flexibilidade e osíxeno ás administracións para protexer ás persoas e contribuír á recuperación económica fronte á pandemia da COVID-19”. Este acordo permite considerar superados os Plans Económico Financeiros e os acordos de non dispoñiblidade de crédito derivados dos mesmos, podendo ser revocados.


Deste xeito, “grazas á decisión do Goberno do Estado, o plan Económico Financeiro da Deputación queda superado e podemos volver a dispoñer de 4,5M€, que dedicaremos a desenvolver as políticas sociais e económicas que temos previstas nos Orzamentos, en beneficio dos veciños e veciñas, e dos Concellos da provincia”, subliñou a Deputada de Economía.