Menu toggle
Medioambiente, medio rural e do mar
mediambiente

 

O Servizo de Medio Ambiente, encadrado na área de Cooperación e Asistencia aos Concellos da Deputación de Lugo, basea as súas liñas de traballo na protección, conservación e vixilancia dos espazos naturais propiedade da Deputación Provincial de Lugo, divulgación e educación ambiental, enxeñería, ordenación rural e xestión de recursos naturais, así como na cooperación e asistencia aos concellos da Provincia que o solicitan.

Dentro do Servizo enmárcase a xestión directa das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, co fin de asegurar a protección do valor patrimonial, natural e etnográfico de ditas áreas, destacando o apoio que dende a xestión das Reservas se ofrece aos proxectos de desenvolvemento sostible que se lideran dende a propia Deputación así como os que se achegan dende os Órganos de Participación das Reservas.

Da xestión destas Reservas derivan labores de divulgación e educación ambiental para dar a coñecer os valores medioambientais das Reservas da Biosfera, traballando directamente cos colexios e diversos colectivos (adultos, colectivos con discapacidade ou de risco de exclusión social), que amosen interese a través da variada oferta que se propón en materia de actividades de divulgación ambiental como visitas, exposicións e obradoiros dirixidos a todas as clases de idade. Neste apartado destacan as publicacións que se teñen realizado dende o noso Servizo en materia de cadernos de profesorado e de actividades para diferentes clases de idades que serven como apoio as actividades que se realizan con pequenos e tamén dos folletos de carácter divulgativo. Como ferramenta para estas labores de divulgación dende o Servizo se xestionan varios centros e aulas da natureza, como o Centro de Interpretación Terras do Miño.

Do mesmo xeito, dende o Servizo se realizan traballos vinculados coa enxeñería, ordenación rural e xestión de recursos naturais, destacar neste apartado a xestión que dende o Servizo se realiza dos hortos urbanos do Parque do río Rato e de Paradai, traballos silvícolas en diversos puntos da provincia propiedade da Deputación e a xestión forestal da propiedade da Deputación na finca do Pazo de Tor.

Tamén se realizan traballos de asistencia aos concellos da provincia que o solicitan, dos cales cómpre destacar o Convenio de Residuos que existen con diversos concellos da provincia e colaboración en materia de benestar de animais de compaña abandonados.

Dentro do labor de protección, conservación e vixilancia dos espazos naturais destacan proxectos e actuacións como as que se desenvolven no marco do convenio de custodia do territorio, existente para xestionar terreos de alto valor ecolóxico propiedade da Deputación de Lugo, coñecidos como As Insuas do Miño (concellos de Rábade e Outeiro de Rei) e do Pozo do Ollo (concello de Begonte).

Destacar tamén neste apartado os traballos que se realizan no marco do proxecto LIFE in Common Land, que se están a levar a cabo en Comunidades de Montes da Serra do Xistral, zona de Rede Natura 2000 e zona núcleo da Reserva da Biosfera Terras do Miño, na cal se están tratando de mellorar os hábitats prioritarios de turbeiras altas activas, turbeiras de cobertor activas e breixeiras húmidas atlánticas.

Terras do miño

 

Ancares

 

Río Rato

 

 

 

Axenda Medioambiente, Medio Rural e do Mar