Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo apoia o Festival de Aturuxo que reunirá en Bravos a recoñecidos artistas galegos os días 19 e 20 de xullo

Festival Aturuxo
Ourol
A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas participou na presentación da décimo segunda edición desta cita festiva, que contará con grupos como Catuxa Salom, Loita Amada, Lambe Lambe, Os do 21, ou Amigos do Folk

O festival con acampada e entrada de balde, ten por obxectivo promover a música folk, rock e pop en galego

A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López,  participou este sábado xunto á Presidenta da Asociación Cultural Aturuxeiros, Carmen Rivera Vidal, na presentación da décimo segunda edición do Festival Aturuxo de Bravos, no Concello de Ourol, que reunirá co apoio da Deputación a recoñecidos grupos e artistas do panorama galego, os próximos días 19 e 20 de xullo. 

Carmela López felicitou aos organizadores durante a presentación desta nova edición do festival, que tivo lugar no Café Bar Cultural A Sacabeira, en Sargadelos, e subliñou a importancia da celebración de iniciativas culturais como esta “que poñen en valor as nosas tradicións a través da música, e ademais son un polo de atracción importante para fomentar e dinamizar pequenas parroquias rurais coma esta de Bravos, no concello de Ourol”. Destacou a Deputada a colaboración da Deputación, un ano máis, coa asociación Aturuxeiros de Bravos para a organización deste evento que se presentou por todo o alto, cunha xornada festiva na que actuou o grupo compostelá Kedirá.  

O Festival Aturuxo defínese a si mesmo como un festival diferente para público familiar, inclusivo e próximo, onde a diversidade e a cultura galega son as protagonistas. O entorno rural no que se leva a cabo é o escenario perfecto para que as diferentes xeracións compartan as potencialidades de cada unha e que todos se fagan conscientes da importancia de coidar o noso patrimonio sociocultural e ambiental. 

Un cartel con 10 artistas e bandas de renome 

O cartel do Festival Aturuxo de Bravos contará na súa décimo segunda edición coa actuación de 10 artistas e bandas de renome do panorama galego. Deste xeito, actuarán os grupos A Pedreira, Amigos do Folk, Catuxa Salom, Loita Amada, Lambe Lambe, Os do 21, Espera que vou mexar, Manu Kaso Aparte, Tecor Societário e Pakolas.

O festival contará con acampada e entrada de balde, e desenvolverase en dúas xornadas: 19 de xullo pola tarde-noite e 20 de xullo durante toda a xornada. O venres celebrarase a tradicional cea de irmandade; e o sábado ademais dos concertos haberá xogos interxeracionais, obradoiros e actuacións cómicas ou teatrais, dirixidas a todos os públicos. 

A organización poñerá a disposición dos asistentes servizo gratuíto de autobús para facilitar os desprazamentos e evitar conducir e aparcar a altas horas.