Deputación de Lugo

O Presidente amosa o seu apoio á plataforma Lugo non quere cheiros e rexeita o proxecto de Coeses

Coeses
José Tomé Roca reuniuse este xoves con veciños e veciñas de diferentes parroquias luguesas que se virían afectados pola instalación da planta de tratamento de residuos, a quen lles trasladou que haberá representación da Deputación na manifestación que está convocada para este venres ás 20:30 horas na Horta do Seminario

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, amosa o seu apoio á plataforma Lugo Non Quere Cheiros e rexeita o proxecto de Coeses. Esta mañá reuniuse no Pazo de San Marcos con máis de 20 veciños e veciñas de diferentes parroquias de Lugo que se virían afectados pola instalación da planta de tratamento de residuos e que levan meses mobilizándose.

Tomé Roca explicou que “hai razóns de suficiente peso para apoiar as súas reivindicacións, esta planta estase proxectando construír moi preto das casas con todo o que iso implica. O dano medioambiental e para a saúde que pode provocar non é proporcional aos beneficios que din que pode ter”, afirmou. “Nós queremos industrias na provincia, pero non así”, recalcou.

Durante a reunión, o Presidente escoitou de primeira man as inquedanzas dos veciños e veciñas, que manifestaron a súa profunda preocupación polos posibles efectos negativos da planta, tanto sobre a saúde pública como sobre o medio ambiente. Entre os aspectos máis debatidos estiveron as previsibles emisións de malos cheiros, a contaminación do aire, así como o impacto visual e paisaxístico na zona de Coeses.

Durante o encontro, os veciños agradeceron o apoio institucional e expresaron a súa satisfacción polo compromiso mostrado polo Presidente, quen lles trasladou que haberá representación da Deputación na manifestación que terá lugar este venres, 27 de setembro, na Horta do Seminario de Lugo.