Deputación de Lugo

A Deputación destaca en Cervo a apertura dunha nova residencia de saúde mental como un avance na atención próxima e digna ás persoas

saude mental
Cervo
RESIDENCIA
Durante a inauguración, a Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas puxo en valor o traballo do colectivo Saúde Mental da Mariña, que xestiona este novo servizo e que conta cunha achega anual da institución provincial de 15.000€

“Desde a institución provincial sentimos un compromiso profundo con este tipo de proxectos”, destacou Carmela López, “porque sabemos que a saúde mental debe ser unha prioridade real e efectiva”

A Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Carmela López, participou este venres en Cervo na apertura dunha residencia de saúde mental con capacidade para atender a 20 persoas. Puxo en valor o traballo do colectivo Saúde Mental da Mariña, que xestiona este novo servizo e que conta cunha achega anual da institución provincial de 15.000€ para sufragar os gastos de funcionamento.

“Desde a institución provincial sentimos un compromiso profundo con este tipo de proxectos”, destacou Carmela López, “porque sabemos que a saúde mental debe ser unha prioridade real e efectiva”. Valorou que “cando falamos de saúde mental, falamos de algo que nos afecta a todas as persoas e que require dun acompañamento próximo, sen prexuízos e con moita sensibilidade”.

Nese sentido, a Deputada fixo fincapé en que “a creación desta residencia significa que estamos poñendo as necesidades das persoas no centro” e valorou que os residentes do centro “van atopar apoio especializado” e ademais “empatía, respecto e un lugar onde ser eles mesmos”. 

Lembrou que as políticas sociais da Deputación “son unha parte esencial do noso traballo, e unha boa proba diso é que dedicamos máis dun terzo no noso presuposto a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas desta provincia” e insistiu en que “non hai maior sinal de avance social que garantir que cada persoa, independentemente das súas circunstancias, teña acceso a un apoio adecuado e digno”.

Na inauguración desta nova residencia, que está situada na Praza do Souto de Cervo, acompañaron a Carmela López o Presidente de Saúde Mental A Mariña, Jorge Manchado; o Presidente de Saúde Mental FEAFES Galicia, José Ramón Girón García; e a Alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, entre outras autoridades. 


Asociación Saúde Mental A Mariña

Esta entidade nace no ano 1999 co obxectivo de dar atención de forma continuada ás persoas que padecen enfermidades mentais, na comarca mariñá,  e as súas familias, que precisan do coñecemento de diferentes ferramentas para facer fronte a diversas situacións. 

Esta residencia, situada no centro do municipio, atenderá a doentes de toda Galicia con trastorno mental persistente, que teñan entre os 18 e os 60 anos.