Deputación de Lugo

A Deputación acenderá o Nadal de San Marcos cunha festa para toda a familia

actividades de nadal
O Presidente da institución provincial prenderá a iluminación da fachada do Pazo de San Marcos nun acto aberto ao público que terá lugar o 3 de decembro pola tarde

A xornada contará cun programa de actividades, que incluirá un obradoiro de creación de motivos navideños e a actuación do grupo infantil Os Bolechas

A participación no obradoiro require inscrición previa que se pode realizar a partir deste luns no portal web da Deputación, a través da ligazón https://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais

A Deputación de Lugo celebrará o próximo 3 de decembro o acendido das luces de Nadal na súa sede do Pazo de San Marcos cun programa de actividades abertas á cidadanía, e pensadas para toda a familia. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, será o encargado de prender as luces da fachada do Pazo de San Marcos, no acto central que terá lugar ás 19:15 horas da tarde. O mandatario provincial convida á veciñanza a participar neste evento festivo e familiar, “que ofrecerá unha xornada chea de maxia, creatividade e espírito navideño”.

Obradoiro O Nadal na Deputación

Antes do acendido das luces, a Deputación de Lugo organizará o obradoiro gratuíto O Nadal na Deputación, no que os asistentes poderán elaborar adornos tradicionais de Nadal a partir de materiais reciclados. A actividade está dirixida a persoas de todas as idades, pero os menores deberán estar acompañados dun adulto en todo momento. O obradoiro conta cun aforo limitado a 125 prazas. Para participar será imprescindible realizar a inscrición previa a través do portal web da Deputación, que se pode facer desde este luns, a través da seguinte ligazón habilitada: https://inscricions.deputacionlugo.org/gl/tema/actividades-medioambientais.

Actuación dos Bolechas

Paralelamente, ás 17:30 horas, o coñecido grupo infantil Os Bolechasofrecerá un espectáculo pensado para entreter a toda a familia, con especial atención aos máis pequenos e pequenas. Esta actividade terá acceso libre e permitirá desfrutar dunha tarde de Nadal chea de diversión e música.As actividades desenvolveranse na Praza de San Marcos, fronte á sede da Deputación de Lugo. No caso de que as condicións meteorolóxicas non permitan realizar as actividades ao aire libre, estas trasladaranse ao interior do Pazo de San Marcos.