O Pazo de San Marcos acolle unha das seis xuntanzas da Rede Municipalista Solidaria do Fondo Galego

A Deputación de Lugo acolleu este xoves no Salón de Plenos do Pazo de San Marcos unha das seis xuntanzas organizadas pola Rede Municipalista Solidaria do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A xornada, inaugurada polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, reuniu a alcaldes e alcaldesas de varios concellos da provincia, representantes locais e organismos implicados en proxectos de cooperación internacional.
O encontro serviu para realizar un exhaustivo balance das iniciativas levadas a cabo na pasada anualidade e para presentar as liñas estratéxicas dos proxectos de cooperación internacional e desenvolvemento sostible previstos para 2025. Pablo Rivera destacou no foro a importancia de continuar fortalecendo os lazos entre os municipios da provincia e de reforzar o papel activo que os gobernos locais xoguen como axentes de cambio global, subliñando que “a solidariedade non entende de fronteiras, e cada pequeno xesto desde os nosos concellos contribúe a construír un mundo máis xusto e máis humano”.
“A Rede Municipalista Solidaria é sobre todo un espazo para mirar cara adiante. Trátase de crear pontes entre realidades diferentes, de impulsar o desenvolvemento sostible, de apoiar proxectos que promoven a igualdade de oportunidades, o acceso á auga, á educación e á saúde”, afirmou.
Así mesmo, sinalou que “dende a Deputación de Lugo reafirmamos o noso compromiso firme e decidido coa cooperación internacional e a solidariedade. Non somos espectadores fronte ás inxustizas globais, somos actores implicados, conscientes de que as políticas públicas locais teñen a forza de transformar realidades”. Lembrou o Deputado a responsabilidade das administracións locais na promoción de valores como a xustiza social, a igualdade e a sustentabilidade, afirmando que "somos quen de mobilizar conciencias, educar en valores solidarios, fomentar a participación cidadá e ser altavoces das causas esquecidas".
Rivera Capón incidiu tamén en que “non podemos esquecer que, dende o local, tamén transformamos o global”. Indicou que dende un concello pequeno tamén se “afrontan desafíos globais como o cambio climático, a pobreza ou as migracións forzadas, e faino cada concello, cada deputación, implicándose, aprendendo e colaborando”, concluíu.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade
A Deputación de Lugo forma parte, xunto a da Coruña e a 84 concellos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A través desta rede, os concellos concentran os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento, asegurando unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos de impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego desenvolveu máis de 150 proxectos en 25 países e promove múltiples actividades e materiais para sensibilizar sobre os desequilibrios Norte-Sur.