Deputación de Lugo

A Deputación comparte o seu modelo de turismo sostible nunha xuntanza de aloxamentos rurais

Pilar García Porto
turismo
Encontro FEGATUR
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo recibiu no Centro de Interpretación Terras do Miño aos participantes dun encontro organizado co obxectivo de tecer sinerxías e estratexias para revitalizar e impulsar o turismo rural

García Porto: “Somos moi conscientes de que o turismo de calidade e sostible é unha ferramenta de desenvolvemento clave do noso rural, un rural que sofre unha perda de servizos diarios polo peche de escolas ou a falta de médicos”

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, recibiu este xoves no Centro de Interpretación Terras do Miño aos participantes dun encontro organizado pola Federación Galega de Turismo Rural (FEGATUR). Na cita, que ten o obxectivo de tecer sinerxías e estratexias para revitalizar e impulsar este tipo de turismo, García Porto compartiu o modelo de turismo sostible da institución provincial e algunhas das accións que leva a cabo a Deputación e que reforzan ese modelo.


“Desde a Deputación somos moi conscientes de que este tipo de turismo de calidade e sostible é unha ferramenta de desenvolvemento clave do noso rural, un rural que sofre unha perda de servizos diarios polo peche de escolas ou a falta de médicos”, valorou a Deputada. E nese sentido sinalou que a provincia de Lugo é un destino “único” cun potencial que precisa “do compromiso e do traballo” da sociedade e das administracións.


Sobre o traballo da Deputación, asegurou Pilar García Porto que todas as iniciativas que pon en marcha a institución provincial van encamiñadas a impulsar ese modelo. Enumerou accións como o programa de viaxes gratuítas Coñece a túa provincia, co que a Deputación xa conseguiu un retorno para o sector de máis de 600.000€; a distinción Starlight para a zona dos Ancares Lucenses que afianza a provincia como un destino ideal para os amantes da natureza; as rutas fluviais que o ano pasado superaron os 61.000 viaxeiros; ou os premios á excelencia turística.


A xornada organizada por FEGATUR contará ademais cun tempo para intercambiar experiencias, para facer propostas de actividades para este ano e cunha visita ao Mazo de Santa Comba, un conxunto etnográfico que pertence tamén á Reserva da Biosfera Terras do Miño que xestiona a Deputación.