O Presidente destaca a “incansable entrega” de José Antonio Gómez ao fronte de UXT-Galicia durante case dúas décadas

José Tomé tamén deu a benvida ao novo Secretario Xeral de UXT-Galicia, Cristóbal Medeiros, e recalcou que “se trata dunha responsabilidade que recae nun compañeiro comprometido e que conta cunha importante traxectoria na loita e na defensa dos dereitos dos traballadores”
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asistiu este xoves no Hotel Puerta del Camino, en Santiago de Compostela, á clausura da décimo cuarta edición do Congreso de UXT-Galicia. Esta cita, que se celebrou durante os días 26 e 27 de febreiro na capital galega baixo o nome Máis e mellor sindicato, reuniu a 153 delegados e delegadas para analizar a xestión do último mandato, definir as accións que se desenvolverán nos vindeiros anos e elixir aos novos órganos de dirección e á nova Comisión Executiva de UXT-Galicia.
O mandatario provincial aproveitou este encontro, clausurado por Pepe Álvarez, Secretario Xeral de UGT en España, para agradecerlle a José Antonio Gómez, Secretario Xeral de UXT-Galicia durante case 20 anos, a “incansable entrega que demostrou durante os cinco mandatos que estivo ao fronte da organización sindical”. José Tomé tamén puxo en valor o seu compromiso coa defensa dos dereitos laborais dos traballadores e rematou sinalando que “deixa unha profunda pegada no movemento sindical galego”.
Tomé Roca aproveitou a súa intervención para felicitar ao novo Secretario Xeral de UXT-Galicia, Cristóbal Medeiros, e recalcou que “se trata dunha responsabilidade que recae nun compañeiro comprometido e que conta cunha importante traxectoria na loita e na defensa dos dereitos dos traballadores. Estou seguro de que, baixo o seu liderado, UXT-Galicia seguirá sendo un referente de dignidade e xustiza social”, avanzou o Presidente.
O Presidente rematou destacando que “fai falta o traballo do sindicalismo” e incidiu en que “UXT ten que ser un actor fundamental para conseguir máis e mellores dereitos para os cidadáns. UXT é historia, pero sobre todo é futuro e ese futuro constrúese con nós, co noso compromiso e coa nosa capacidade de loitar, de negociar, de sumar. Porque só así garantiremos que Galicia siga a ser unha terra de oportunidades e dereitos.”
A este encontro tamén asistiu o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras, e o Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González Vázquez, entre outras autoridades.