O Presidente detalla que os Orzamentos 2026 “superan os 135M€ e son realistas, investidores e profundamente sociais”
José Tomé Roca presentou o presuposto da Deputación, que continúa subindo -o ano que vén máis dun 3,7% respecto ao do 2025- e que será sometido a debate e aprobación no Pleno ordinario deste mes para que poida entrar en vigor a principios de ano
Destacou que a institución provincial mantén un nivel de execución dos máis altos, de entorno o 85%; que nas contas da Deputación de Lugo para o 2026 subirán os investimentos reais ata os 19,5M€ e as transferencias correntes ata os 18,5M€
Explicou que o deseño desta previsión de fondos está pensado “para avanzar no noso proxecto de progreso” que se asenta nas políticas sociais, que contarán con 41M€; na mellora da mobilidade, con 27M€; na cooperación cos concellos, cun Plan Deputación que crecerá ata os 22,25M€; e no apoio aos sectores produtivos, con outros 13,5M€
Subliñou ademais “un dato que nos distingue e do que nos sentimos especialmente orgullosos: a Deputación de Lugo ten débeda cero”, “resultado dunha xestión rigorosa, responsable e comprometida co uso eficiente dos fondos públicos”
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, compareceu este venres no Pazo de San Marcos ante os medios de comunicación para dar conta do proxecto do seu Goberno para os Orzamentos 2026. Uns presupostos que “superarán os 135M€ e serán realistas, investidores e profundamente sociais”. Así o avanzou nunha rolda de prensa xunto ao Vicepresidente, Efrén Castro Caloto, a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, e a Deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística, Iria Castro Fernández.
Detallou que o orzamento consolidado do ano que vén –da propia Deputación e do Consorcio de Bombeiros, que a institución provincial financia ao 50%- continúa subindo ata os 135.236.715,15€, o que supón o 3,7% máis respecto ao do ano 2025. Sinalou que as contas serán sometidas a debate e aprobación no Pleno ordinario deste mes, o martes 25 de novembro, para que poida entrar en vigor a principios de ano.
Uns orzamentos que, segundo valorou o mandatario provincial, “deseñamos para avanzar no proxecto de progreso social e económico polo que apostamos para esta provincia desde o 2019, desde que eu son Presidente”. Explicou que, precisamente, o seu proxecto político aséntase en catro grandes piares: políticas sociais, mellora da mobilidade, cooperación cos concellos e o apoio aos sectores produtivos. Avanzou que as contas para o ano que vén son realistas, “mantemos un nivel de execución dos máis altos, de entorno ao 85%”; investidoras, “subimos ata os 19,5M€ os investimentos reais”; e profundamente sociais, “subimos as transferencias correntes aos 18,5M€”.
“Quero subliñar un dato que nos distingue e do que nos sentimos especialmente orgullosos: a Deputación de Lugo ten débeda cero”, o que quere dicir, afondou o mandatario provincial, “que cada recurso público pode empregarse directamente en servizos, investimentos e políticas sociais”. E que ese é o resultado dunha xestión “rigorosa, responsable e comprometida co uso eficiente dos fondos públicos”.
As políticas sociais continúan a definir toda a acción do Goberno
As políticas sociais “definen toda a nosa acción de Goberno. Así o reflexamos novamente nos nosos Orzamentos, mantendo os fondos consignados a esta partida no 2026 cun investimento duns 41M€”. Puxo en valor o Presidente a rede de protección social “forte e ampla” da Deputación, que abarca ás residencias, que atenden a unhas 300 persoas; o Servizo de Teleasistencia Domiciliaria, que coida doutras 2.000; ou o Servizo de Axuda no Fogar, mediante o que a institución provincial coofinancia cada ano 200.000 horas de asistencia para preto de 2.000 usuarios e usuarias.
11,5M€ irán destinados aos Centros de Atención a Maiores. Subliñou Tomé Roca que son case 700.000€ máis que o ano pasado. “Uns fondos que servirán para manter en funcionamento as nosas residencias de Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro, Meira, Navia de Suarna e Ribas de Sil; e para continuar avanzando nos proxectos que temos comprometidos noutros 9 municipios da provincia”. Nese sentido, destacou que 4 –Becerreá, A Pontenova, Guitiriz e A Pobra do Brollón- abrirán a corto ou medio prazo. “Quédense co dato, 13 residencias abertas en 8 anos. E mentres, a Xunta de Galicia, que é a Administración que ten as competencias e que conta cun orzamento que é 100 veces maior co desta Deputación, leva 0 residencias públicas en case 20 anos. Cero, en 20 anos”, valorou.
No que ten que ver coas políticas sociais, a Deputación destinará ademais 1,8M€ “para fortalecer o tecido asociativo que dá soporte ás persoas que máis o necesitan”; 3,1M€ para o ensino público; e máis de 4M€ ás partidas destinadas á creación de emprego e ao fomento da contratación. “Por darlles o dato, só a través do Plan Deputación deste ano xeramos uns 300 postos de traballo”.
27M€ á mobilidade, primeiro factor de igualdade territorial
A mellora da mobilidade volve ser outro dos grandes piares dos Orzamentos para o ano 2026, considerándoa “o primeiro factor de igualdade territorial” porque é “a que garante o acceso a servizos, educación, emprego, sanidade, cultura e ocio”. Nese sentido detallou o Presidente que o Goberno provincial manterá a aposta que fixo neste ano, cun “importante esforzo investidor para aumentar nun 42% as partidas relacionadas coa obra nova, conservación, desbroce e actuacións do Parque Móbil”, mantendo para a mobilidade unha partida no 2026 de 27M€.
“Somos conscientes de que temos un reto enorme coa nosa rede de estradas provincial. Enorme. Sempre dicimos que temos a rede máis extensa de todo o Estado Español con 4.217 quilómetros de vías”, argumentou Tomé Roca. Engadiu que “en liña recta son os suficientes quilómetros como para cubrir a distancia que hai entre Lugo e O Cairo”. Un reto polo que o seu Goberno puxo en marcha “o mellor plan de estradas da historia da Deputación, baseado en criterios técnicos, co que estamos a realizar neste 2025 máis de 100 actuacións en 52 concellos da provincia, sen distinción de cores políticas, e ao que lle daremos continuidade o ano que vén” e avanzou que a principios de ano presentará unha primeira fase do Plan de Estradas 2026.
O Plan Deputación continúa medrando un ano máis
A cooperación cos concellos “seguirá vertebrando toda a acción de Goberno. É un dos nosos piares máis sólidos porque case todo o que facemos é cooperación cos concellos”. Explicou José Tomé que só a través do Plan Deputación a institución mobilizará 22,25M€, cun incremento respecto a este ano de 250.000€, cumprindo así co acordo de Goberno de subilo nun millón de euros este mandato.
Destacou entre as políticas de apoio aos municipios o Centro de Innovación Territorial, un proxecto “pioneiro” que contará con 850.000€ achegados entre a Deputación e o Goberno de España para situar o rural no epicentro das políticas de desenvolvemento. Incluíu políticas de dixitalización e eficiencia das Administracións, como o Xeopadrón, para o que a Deputación conseguiu medio millón de euros de fondos europeos; ou a implantación da intelixencia artificial. Entre as infraestruturas, actividades e servizos municipais que a Deputación axudará aos concellos a financiar no 2026 puxo como exemplo o Polígono da Fonsagrada, que ten consignada unha partida de case 800.000€ para seguir avanzando nun proxecto que terá un coste total de máis de 2,7M€ e que “beneficiará a toda a Montaña, porque dotará ao concello de solo industrial e terciario para impulsar o desenvolvemento económico da comarca”.
Investimento estratéxico de 13,5M€ aos sectores produtivos
A Deputación de Lugo reserva para o 2026 13,5M€ a políticas estratéxicas, que terán un impacto no sector primario, o comercio, a hostaleira e o turismo. Nese sentido debullou o Presidente que á Granxa Gayoso Castro contará cun investimento de 2M€, destacando que se trata dun “centro público único” en España, no que a institución provincial impulsa iniciativas de apoio á gandaría; a recría de xovencas; a Granxa Experimental de Leite; a recría de Rubia Galega; ou a futura Granxa de Porco Celta, da que sinalou que a Deputación está pendente da licenza municipal.
Sobre as políticas vencelladas ao turismo, subirán ata os 3,5M. “Partidas coas que seguiremos traballando para consolidar un modelo de calidade, sostible e de experiencias que achegue valor ao territorio”, destacou o Presidente. Recolle esta partida iniciativas como o Parque Central de Galicia “que marcará un antes e un despois na comarca da Ulloa”; o programa de visitas gratuítas de proximidade Coñece a túa provincia, “que é todo un éxito”; ou as rutas fluviais pola Ribeira Sacra, “totalmente consolidadas”.
Avanzou tamén que a Deputación destinará á área de Medio Ambiente 3,5M€, “que servirán para a conservación e a posta en valor do noso patrimonio natural e, ao mesmo tempo, para impulsar toda esa riqueza medioambiental como unha oportunidade para o desenvolvemento da provincia”. Nese sentido, sinalou o mandatario provincial que este ano o Goberno da Deputación apostou por dobrar os recursos destinados ao tecido asociativo que traballa nas dúas reservas da biosfera que xestiona a institución provincial: Terras do Miño e Ancares Lucenses; unha aposta que se traduciu nun investimento de 340.000€ para estes territorios e que se manterá no 2026.