Deportes e mocidade
Deputación de Lugo

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo patrocina o VI Rally da Mariña, que se celebra este sábado con treitos en Ourol, Cervo, Xove e O Vicedo

Rally da Mariña
Viveiro
EFRÉN CASTRO
DANIEL GARCÍA
Efrén Castro e Daniel García valoraron “a participación de equipos locais, que afianza a pegada deportiva da proba na comarca”.

Esta tarde presentouse en Viveiro a sexta edición do Rally da Mariña Lucense, que se disputará do 10 ao 11 de maio en treitos dos concellos de Ourol, Cervo, Xove e O Vicedo, e que terá a base en Viveiro.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo é a principal patrocinadora da proba, na que participarán 76 equipos, entre eles 11 pilotos das escuderías mariñás Mix Rallye Sports e A Pontenova.

Un dos grandes alicientes da proba é a presenza dos WRC de Victor Senra, Alberto Otero e Antonio Pérez , entre os favoritos para o Campionato Galego de Rallly. Ademais, estarán en xogo 11 Copas de Promoción  e un Trofeo Copa Kilómetro Cero para o máis rápido dos pilotos locais.

Na presentación, o vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e o deputado de Mocidade Daniel García destacaron “a aposta que desde a Vicepresidencia da Deputación se fixo desde o inicio pola proba,  que se puxo en marcha en 2019 para responder e canalizar a gran afección ao motor que hai na comarca, como se verá tamén este ano, tanto na liña de saída, coa participación de pilotos locais, como á beira das estradas”.

Nese sentido, os responsables provinciais subliñaron que “no fomento do deporte, en todas as disciplinas e tamén no automobilismo, é fundamental unha distribución territorial que facilite o acceso ao deporte en todas as comarcas, polo que valoramos especialmente a participación e a implicación de equipos locais”.

Por último, animaron “a afeccionadas e afeccionados de toda Galiza a achegarse ata a Mariña para desfrutar do Rally,  no que o espectáculo deportivo está garantizado coa presenza dos mellores pilotos galegos”.

No acto,  celebrado no Hotel Las Sirenas, participaron representantes dos concellos polos que pasa a proba, da Xunta de Galicia e da Subdelegación do Goberno -que coordina a seguridade -  e pilotos locais, así como o presidente da escudería organizadora da proba Mix Rallye Sports, Ignacio Dávila, e  a directora técnica da carreira, Maite Vilanova, e o presidente da Federación Galega de Automobilismo Antonio Rodríguez Troitiño.

rally a mariña

Desenvolvemento do Rally

O  Rally da Mariña Lucense, a cuarta proba do Campionato Galego de Rally -despois das celebradas na Coruña, Lalín e Noia -, disputarase en catro tramos, a dobre pasada, sumando un total de 88,5 km cronometrados: o do Vicedo,  14,56 quilómetros, que comeza na Avenida Deputación e remata no mirador de Riobarba; o de Ourol, de 9,25 quilómetros, entre o pavillón municipal de Ourol e Viladóniga; o de Cervo, de 10 quilómetros, con saída diante da fábrica de Sargadelos e chegada no Castelo; e o de Xove, de 10,47 quilómetros, con saída diante da Casa do Concello e meta no Monte Golán.

A ceremonia de saída será o venres, 10 de maio, ás 20.30 horas en Viveiro, que acollerá os parques de asistencia (aparcamento do Pavillón Municipal de Viveiro) e reagrupamento (Aparcamento Grallal en Covas).  O sábado pola mañá, 11 de maio, os pilotos correrán no Vicedo e Ourol, facendo dúas pasadas en cada tramo. O rally continúa pola tarde nos tramos de Cervo e Xove, tamén con dúas pasadas.

Apoio ao automobilismo

O apoio á celebración do Rally da Mariña -cunha achega de 23.000 euros – encádrase na colaboración que a Vicepresidencia da Deputación de Lugo mantén co tecido automobilistico provincial, co patrocinio das probas máis destacadas da provincia – Rallly San Froilán, Subida a Chantada, Subida á Pontenova e Subida a Taboada -, a organización do Volante Deputación, orientada a pilotos noveis que se queren iniciar na competición, e coa convocatoria anual de axudas de concorrencia competitiva para pilotos.