Deputación de Lugo

Os beneficios da Trancantábrica e as políticas industriais, principais asuntos da visita do Presidente ós concellos de Outeiro de Rei, Begonte e Guitiriz

Os beneficios da Trancantábrica e as políticas industriais, principais asuntos da visita do Presidente ós concellos de Outeiro de Rei, Begonte e Guitiriz

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, estreitou hoxe lazos con tres concellos da provincia marcados polo paso da Autovía A-6 e o impacto da futura Transcantábrica. Trátase dos municipios de Outeiro de Rei, Begonte e Guitiriz, ós que realizou unha visita institucional dentro da rolda de entrevistas con todos os Alcaldes e Alcaldesas da provincia. A mellora das comunicacións xunto ós beneficios da Transcantábrica, as conexións dos polígonos industriais coas grandes vías de comunicación da provincia e a potenciación do medio ambiente foron os temas recurrentes na visita do Presidente a estes concellos. Unha vez concluída a visita a Outeiro de Rei e Begonte, na feira de Guitiriz o Presidente explicou os puntos en común dos tres municipios: “Estes concellos xiran en torno ás comunicacións, están todos en torno a A-6 e á futura Transcantábrica. Pero o medio ambiente tamén os une. Agora mesmo estou no Concello da Auga pero todos eles están aproveitando as súas condicións naturais e os espazos Reserva da Biosfera. Por iso, estes asuntos, xunto ó desenvolvemento dos seus polígonos industriais, a transferencia de mercadorías -que pivotará de forma favorable para eles- e as políticas medioambientais foron os principais asuntos tratados hoxe”. O Presidente fixo fincapé en que o goberno provincial está ofrecendo ós concellos a posibilidade de elixir cómo desexan traballar. Por iso, o novo sistema de recadación que alixeira as cargas fiscais dos municipios, así como os desbroces que poden facer os gobernos locais a cargo da Deputación, foron outros temas abordados na visita institucional que resultaron de interese para os edís. Outeiro de Rei Con respecto ó Concello de Outeiro de Rei, cunha superficie de 134,19 quilómetros cadrados e 4.695 habitantes, o Presidente agradeceu a asistencia de toda a Corporación Municipal. As principais demandas foron: o polígono industrial de Outeiro de Rei, as obras de abastecemento de auga en todo o Concello -así como canalizacións en determinadas urbanizacións como as de Mosteiro e Palloza, que están sen facer-, problemas de traída de auga, equipamento para a gardería e financiamento para as obras de rehabilitación da Casa Consistorial. Este municipio está a medrar de xeito progresivo nos últimos anos, polo que a necesidade de solo industrial é prioritaria na súa axenda. Para o Presidente á importante continuar coas políticas de cooperación en materia medioambiental, como as rotas de sendeirismo ó longo do Río Miño financiadas a través do INLUDES. Begonte No tocante é concello de Begonte, cunha superficie de 127,35 quilómetros cadrados é unha poboación de 3.587 habitantes, tamén a política industrial foi protagonista. O Alcalde explicou que son o único municipio da provincia que conta con tres parques industriais. O Presidente puido constantar que a actual Casa Consistorial ten problemas na súa estrutura. Os responsables municipais queren rehabilitar, para este fin, outro edificio que hai enfronte e que é propiedade da Xunta. Polo tanto, pediron ó mandatario provincial que no futuro aporte unha partida para a rehabilitación do edificio co obxectivo de que acolla as dependencias municipais. Outros asuntos tratados foron as melloras nas estradas máis deterioradas e o remate de obras de saneamento. Guitiriz En Guitiriz, con 299,24 quilómetros cadrados e unha poboación de 5.972 habitantes, as peticións á Deputación comezaron pola ampliación do parque empresarial. O Presidente visitou as instalacións xunto á Alcaldesa e os representantes da Asociación de Empresarios de Guitiriz. As parcelas do polígono que xestiona Xestur están todas vendidas e o Concello quere que SUPLUSA colabore na ampliación do polígono. Son necesarias tamén obras de arranxo dos campos de fútbol. En concreto, no que hai en Guitiriz solicitan que se repoña o céspede e, no de Parga, que se constrúan os vestiarios e se cubran as gradas. Pero a alcaldesa, Regina Polín, visitou co Presidente a zona de baño máis popular: Sete Muíños. Pretende crear un carril-bici e un sendeiro na estrada provincial que comunica coa área recreativa. En todos os concellos, o Presidente fixo entrega dos agasallos institucionais elaborados polo Centro de Artesanía e Deseño da Deputación. Descargar audio