Deputación de Lugo

O Congreso Internacional de literatura e prensa congrega en Lugo a expertos de todo o mundo

O Deputado de Cooperación cos Concellos participou na presentación da actividade que se desenvolverá do 25 ó 28 de novembro

O Deputado da Área de Cooperación cos Concellos, Antonio Gato Soengas, participou este xoves na presentación do Congreso Internacional Literatura hispánica e prensa periódica (1875-1931), que comeza o martes 25 de novembro na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, e reunirá durante tres días a conferenciantes de universidades de universidades europeas, americanas e australianas, que cotexarán todas as correntes de investigación sobre prensa literaria. Gato Soengas manifestou a satisfacción da entidade de colaborar coa USC e contribuír á celebración de eventos “de tanta trascendencia para a difusión da nosa cultura”. Deste xeito, destacou que “un dos obxectivos nos que se basea o traballo do organismo do que formo parte é o de cooperar cos Concellos. Como responsable desta Área quero puntualizar que isto non só significa colaborar cos municipios e cos veciños desta provincia, senón tamén con iniciativas de calidade como a que hoxe presentamos”. O propósito deste congreso internacional é actualizar as principais liñas de estudo neste campo, coordinar aos grupos de investigación que están traballando nestes ámbitos, intercambiar proxectos futuros de estudo co fin de posibilitar a súa cooperación e dar a coñecer actividades e investigacións en curso desde o ámbito universitario, así como posibilitar o diálogo sobre os novos retos que os estudosos da literatura na prensa deben afrontar, fundamentalmente as posibilidades que para a devandita investigación se abren a través das novas tecnoloxías. O coordinador do Congreso, Javier Serrano adiantou o programa que se desenvolverá a partir do vindeiro martes na Facultade de Humanidades de Lugo. O encontro constará de oito conferencias plenarias (incluíndo a inaugural e a de clausura) impartidas por destacados especialistas no tema e cunha ampla traxectoria investigadora. O resto das sesións estarán dedicadas á exposición e ao debate das comunicacións presentadas polos congresistas participantes en sesións simultáneas, que terán os seguintes eixos temáticos centrais: a imaxe do escritor na prensa (entrevistas, autorretratos, semblanzas, iconografía, etc.); a prensa como taller literario (estudos de ecdótica); a prensa e o canon literario (recepción, polémicas, a prensa como foro de discusión literaria, etc.); e Literatura e prensa galega. A conferencia inaugural correrá a cargo de Yvan Lissorgues, da Universidade de Toulouse-Le Mirail. Tamén participarán nos relatorios os catedráticos Dru Dougherty, da Universidade de California, (EEUU); Jean-François Botrel, da Universidade de Rennes 2-Haute Bretagne (Francia); e Jesús Rubio Jiménez, da Universidad de Zaragoza. O cadro de profesores español estará formado por Ángeles Ezama Gil (Universidad de Zaragoza), Cecilio Alonso, (UNED Valencia), Rocío Oviedo (Universidad Complutense de Madrid) e Marcos Valcárcel (Ensino Secundario). Así mesmo, o mércores 26 de novembro haberá unha mesa redonda na que participarán José Manuel González Herrán, Catedrático da Universidad de Santiago de Compostela, director do Boletín da Biblioteca Menéndez Pelayo, grande especialista en literatura realista española e director do Proxecto de Investigación “La obra de Emilia Pardo Bazán”, da USC. Margarita Santos Zas, Profesora da Universidad de Santiago de Compostela, Directora da Cátedra Valle-Inclán e do Anuario Valle-Inclán (USC-Temple University, Philadelphia), así como directora do Proxecto de Investigación “La obra de Ramón del Valle-Inclán”, da USC. E Luis Alonso Girgado, Investigador do Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades, de Santiago de Compostela, e director das edicións facsímis da prensa galega no exterior. O vicerreitor adxunto de Investigación e Proxección Exterior, Agustín Merino, destacou, durante a presentación do congreso, a importancia dos estudios desta investigación “porque rescata do fondo das hemerotecas, ás que a maior parte dos usuarios non teñen un acceso directo, os contidos para dárllelo a coñecer para o resto da comunidade”. A concelleira de Cultura, Concepción Burgo, dixo sentir un orgullo especial pola realización deste evento “porque a Facultade de Humanidades ten un potencial científico e de convocatoria”, moitas veces eclipsado polas carreiras de ciencias. Este é o segundo congreso de carácter internacional organizado pola Facultade de Humanidades do Campus de Lugo. O primeiro celebrouse hai dez anos para tratar a literatura do século XIX. O comité organizador do evento está formado polos profesores da área de Literatura Española da Universidade de Santiago de Compostela no Campus de Lugo Javier Serrano Alonso, Claudio Rodríguez Fer, Cristina Patiño Eirín, Amparo de Juan Bolufer, Luis Miguel Fernández e Ana Chouciño Fernández. Este congreso está patrocinado pola Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales (SECC), o Ministerio de Cultura, a Deputación Provincial de Lugo, o Concello de Lugo e a Secretaría Xeral de Comunicación.