Deputación de Lugo

A Deputación inviste máis de 1,2 millóns de euros na potenciación do medio ambiente dentro do Lug02

A Xunta de Goberno acorda contratar a creación de Aulas da Natureza e o Sistema de Información Xeográfica

O voceiro socialista dixo que “contribuiremos a que o medio ambientes e convirta nunha oportunidade económica para a nosa provincia A Deputación destina máis de 1,2 millóns de euros para a potenciación do medio ambiente da provincia a través da creación de Aulas da Natureza e dun Sistema de Información Xeográfica incluídos no programa europeo Lug02, que é cofinanciado nun 70% con Fondos Feder. A Xunta de Goberno deste vernes aprobou os pregos para a contratacion destes dous proxectos cos que, segundo apuntou o voceiro do grupo socialista, Antonio Gato, “queremos potenciar o medio ambiente para convertilo nunha oportunidade económica para a nosa provincia”. Gato Soengas subliñou que “xa demos un primeiro paso con Km0, que está a ser todo un éxito; a semana pasada na Xunta de Goberno aprobamos outras tres contratacións dentro do Lug02, entre elas, a adquisición de 14.000 lotes de produtos autóctonos, e hoxe tómanse estes outros dous acordos”. Aulas da Natureza Por unha banda, deuse o visto e prace ós pregos para a creación de Aulas de Interpretación da Naturaza e Redes de Intercambio de experiencias para o que se destinan 970.603 euros. “O obxectivo é favorecer a difusión e sensiblización do patrimonio cultural, natural e etnográfico dos espazos naturais protexidos da nosa provincia”, apuntou Gato. Na dotación de contidos, terase en conta a oferta actual e a necesidade de novas infraestruturas; a integración das novas Aulas coas actividades culturais, turísticas e ambientais que se realicen na área de influencia desde unha óptica innovadora e de fomento das novas tecnoloxías; e un Plan de difusión a través de axentes económicos e sociais. Ademais, participarase en redes de intercambio de experiencias, especialmente das rexións que máis poden achegar e recibir da experiencia do proxecto, establecendo actividades como feiras, congresos, seminarios etc., sobre proxectos e actuacións concretas de especial interese para Lugo. Sistema de Información Xeográfica Polo que se refire á Plataforma web SIX, investiranse 276.080 euros. Antonio Gato destacou que “este será o primeiro sistema destas características da provincia de Lugo. Co SIX imos poñer a disposición dos cidadáns un portal web informativo e multimedia de todos os recursos de interese existentes no ámbito de actuación do Lug02”. Este Sistema inclúe información territorial que poderá descargarse en dispositivos móbiles (tipo PDA, GPS ou teléfono móbil) para que se poida consultar en calquera punto. O SIX proporcionará información ambiental e cultural como rutas de sendeirismo e bicicleta, miradoiros, praias, aulas da naturaza e centros de interpretación, establecementos hostaleiros, meteoroloxía ou eventos festivos. Ademais, “este Sitema de Información Xeográfica tamén incluirá unha cartografía dixital das entidades da provincia, comarcas, Concellos e parroquias; dos viais de todas as titularidades, núcleos de poboación, lugares de interes mediomabiental e rutas existentes. Por último, aprobáronse, as 13 contas xustificativas dos Plans de Comunidades Veciñais dos anos 2006 e 2007. En total, as obras suman un presuposto de 113.174 euros, dos que a Deputación achega 74.784.