Deputación de Lugo

A Deputación acolle este mércores a premier do documental sobre a espía lucense Araceli

Imaxe deputación de lugo
A Fundación TIC colaborou económica e tecnicamente na rodaxe de Hitler, Garbo... e Araceli

Alumnos e bolseiros da Escola de Imaxe e Son tiveron o primeiro contacto co mundo laboral, participando activamente no filme A Deputación acollerá este mércores, ás oito da tarde, a premier do documental: “Hitler, Garbo… e Araceli”, no que colaborou económica e tecnicamente a Fundación TIC e os seus alumnos. O Presidente da Deputación e da Fundación, José Ramón Gómez Besteiro, lembrou que “este documental, de dúas horas de duración, forma parte da campaña emprendida para recuperar a figura histórica da lucense Araceli González, unha auténtica “Axente 007” pero natural da parroquia de Coeses e peza clave na historia do século XX. Era de xustiza poñer en valor a traxectoria desta muller fascinante, cosmopolita e adiantada ó seu tempo”. Na presentación, José Ramón Gómez Besteiro estivo compañado polo director do documental e director xeral de El Progreso, José de Cora, e dous dos principais actores: Mara Miñano, protagonista co papel de Araceli; e Ramón Saqués, no papel do seu marido, o famoso espía dobre Juan Pujol, máis coñecido como “Garbo”. O Presidente provincial destacou a importancia histórica de Araceli, que estivo casada con Juan Pujol -máis coñecido como “Garbo”, o espía español máis famoso de todos os tempos-. “O matrimonio foi clave ó conseguir confundir ós alemáns no desembarco de Normandía, mudando o curso da historia e marcando o principio do fin da Segunda Guerra Mundial”, apuntou Gómez Besteiro. Colaboración da Fundación TIC Gómez Besteiro afirmou que “a Fundación TIC se implicou desde o primeiro momento neste apaixoante proxecto audiovisual rodado fundamentalmente en Lugo –ademais dalgunhas escenas en Londres e Normandía-, coa participación de 50 personaxes e figurantes, executado por unha empresa lucense cun equipo técnico de 15 persoas e no que colaboraron alumnos bolseiros da TIC”. O Presidente destacou especialmente “a colaboración dos nosos bolseiros porque a nosa prioridade é a inserción laboral dos alumnos”. Neste senso, lembrou que “ademais dos 11 convenios de colaboración que xa asinamos con entidades sociais de Lugo e con máis de 60 empresas galegas e nacionais, este documental é outra porta cara o emprego no mundo audiovisual”.