Deputación de Lugo

A construción con vimbio vivo abre a programación de cestería de inverno do CENTRAD

Alumnos da USC e de Foz coñecen o medio natural, cultural e etnográfico da Reserva da Biosfera Terras do Miño

O Centro de Artesanía e Deseño da Deputación abriu este xoves a programación de inverno de cestería co curso de construción con vimbio vivo, a través do cal os participantes elaboran distintas pezas de mobiliario exterior como bancos ou vaias. Esta é a primeira vez que o Centro de Cestería do río Rato acolle un curso destas características no que, ademais do vimbio, tamén se empregan láminas de castiñeiro. O obradoiro, impartido polo catalán Joan Farré Oliver, desenvólvese de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas ata o 8 de marzo. Dispón de 32 horas de formación e ten unha capacidade para 10 alumnos. Un total de 10 cursos forman a programación, que se desenvolverá ata principios do mes de maio. Como novidade, este ano tamén serán protagonistas o vidro e a cerámica. Os obradoiros serán impartidos por especialistas na materia como os cesteiros Joan Farré, especializado na cestería con vimbio en vivo, Antonio Rodríguez, na cestería andaluza de palmeira anana, María de la Cruz Torre, na de palla, Carlos Fontales, na tradicional galega de vimbio, Aurora Martínez, na cesteria ferroviaria -coa que se elabora o maletín típico empregado por estes profesionais no seu traballo- Joseph Mercader, na cestería catalá e típica das zonas bañadas polo Mediterráneo, etc. Visitas á Reserva Terras do Miño Un grupo de 50 estudantes do Colexio Nosa Señora do Pilar de Foz visitará mañá o Centro de Interpretación Terras do Miño. Os estudantes, con idades comprendidas entre os 9 e os 11 anos, terán a oportunidade de descobrir este espazo natural que conta cunha superficie de 363.669 hectáreas. Asimesmo, hoxe 50 alumnos da Universidade de Santiago coñeceron o contorno do río Rato dentro do programa previsto polas “Xornadas sobre biodiversidade e medio ambiente”, organizadas pola Asociación para a Protección Animal e Vexetal (AENDA) da USC e que se están a desenvolver na Facultade de Veterinaria desde o 2 ó 5 de marzo, e desde o 9 ó 10 deste mes. No encontro, que inclúe a visita ó Centro do río Rato, abórdase a protección do medio natural en Galicia desde o punto de vista da avaliación e estado de conservación dos medios terrestre, mariño e de auga doce. Tamén se ofrece unha visión dos distintos parques nacionais existentes na nosa Comunidade, como o das Illas Atlánticas, o complexo intermareal Umia-O Grove, ou do de Terras do Miño, xestionado directamente pola institución provincial. Deste xeito, técnicos do Instituto Lucense de Desenvolvemento Económico e Social (INLUDES), a través de visitas guiadas, amosan ós participantes na iniciativa a calidade ambiental e a riqueza natural da zona, así como a variedade florística, representadas polos bosques da ribeira, árbores centenarias, prantas acuáticas, etc. Con esta inciativa, a Deputación promove o coñecemento e a interpretación do medio natural, cultural e etnográfico incluído na Rede Mundial de Reservas da Biosfera o 7 de novembro de 2002.