Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo estuda a posibilidade de formar parte do Consorcio para a Planificación Lingüística

O Presidente e o Vicepresidente Primeiro reuníronse coa Secretaria Xeral de Política Lingüística

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o Vicepresidente Primeiro, Antón Bao, reuníronse este xoves coa Secretaria Xeral de Política Lingüística, María Sol López Martínez. No encontro abordouse a posibilidade de que a institución provincial sexa un dos organismos que integren o Consorcio para a Planificación Lingüística. Gómez Besteiro, quen salientou que a xuntanza “foi moi positiva”, indicou que “se intentará dar resposta, no menor tempo posible, á petición formulada pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Presidencia, na que se contempla poñer en marcha este ente a principios de decembro do presente ano”. Para a súa posta en funcionamento, cada unha das entidades consorciadas debe de acreditar a dispoñibilidade de reserva de crédito correspondente ás achegas que terán que realizar a partir do ano 2008. A Secretaria Xeral de Política Lingüística explicou que “no ano 2007 a Xunta de Galicia asume a totalidade dos custos de constitución, polo que neste exercicio os membros do Consorcio non terán que realizar ningún tipo de aportación económica”. A constitución deste Consorcio contémplase no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PNL), aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o 21 de setembro de 2004. Dito Plan xurde da necesidade de converter o galego na principal lingua de traballo e comunicación entre os administrados, consolidando así, o papel normalizador das corporacións locais e das deputacións. Neste senso, deseñaranse programas comúns para todos os servizos de normalización dependentes do consorcio, en función das necesidades sociolingüísticas de cada zona.