Deputación de Lugo

A Deputación inviste 1M€ no acondicionamento dos accesos ó polígono industrial de Begonte

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro supervisou os traballos que durarán un mes e que inclúen a aplicación de aglomerado en quente en tres treitos que comunican á área industrial construída por SUPLUSA

A Deputación realizará a maiores outras obras que non estaban contempladas inicialmente como o traslado da liña eléctrica ou a mellora da rotonda de enlace coa N-VI O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, supervisou este luns as obras de acondicionamento dos accesos ó polígono industrial de Begonte que contan cun investimento de 1 millón de euros e un prazo de execución dun mes. Os traballos inclúen a aplicación da segunda capa de aglomerado en quente en tres treitos que dan acceso á área industrial construída pola Sociedade Urbanística Provincial: un de 0,5 quilómetros de lonxitude no vial principal, outro de 0,7 quilómetros na estrada provincial 0801 de Begonte a Veigas de Baltar e, o terceiro, de 0,2 quilómetros dun vial secundario no interior do polígono. A área industrial construída por SUPLUSA está ubicada no núcleo de Saavedra. A Sociedade investiu na súa execución 5.203.000 euros e conta cunha superficie de 225.000 metros cadrados. Na actualidade, hai unha empresa que está funcionando. Neste senso, Gómez Besteiro subliñou que “se trata dunha obra moi importante porque é unha aposta decidida por consolidar este polígono, xa que se atopa nunha ubicación estratéxica ó estar preto da A-6 e de Lugo. Ademais, nuns anos aumentará o tráfico de mercadorías por esta zona cando esté rematada a Transcantábrica”. Neste senso, engadiu que “con esta actuación favoreceremos o asentamento de novas empresas nesta zona e, por consecuencia, a creación de novos postos de traballo”. Os traballos inclúen tamén a sinalización horizontal e vertical e a instalación das farolas, que estarán adaptadas ó manual de identidade visual da Deputación. A actuación contempla, ademais, a instalación de muros de contención para que non se produza o taúde das terras. Asimesmo, o máximo mandatario provincial subliñou que a Deputación acometerá outros traballos “que non estaban previstos inicialmente e que encarecen notablemente a obra. É o caso do traslado da liña eléctrica, a modificación da traída de auga para non perxudicar ós veciños de Begonte que están próximos á zona industrial e da mellora da rotonda de enlace coa N-VI”. Obras de Comunidades Veciñais O Presidente da Deputación visitou varias obras incluídas no Plan de Comunidades Veciñais. A través desta iniciativa, Begonte recibiu da Deputación 41.005 euros, que serviron para executar 4 obras: acondicionamento e mellora do contorno natural da Fonte-Vila (12.000 euros); instalación dunha carpa no campo da festa de Felmil (11.005 euros); subministro e colocación de mesas en Saavedra (6.000 euros); e arranxo das fontes de Virtud e San Isidro-Cerdeiras (12.000 euros).