Deputación de Lugo

A Deputación contribúe á rehabilitación da Capela da Logoa de Alfoz que data do século XVI

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro inaugurou esta infraestrutura que foi mellorada dentro do Plan de Comunidades Veciñais de 2008

O titular provincial destacou que “ademais de satisfacer a demanda dos veciños, contribuímos a conservar unha das infraestruturas máis emblemáticas deste Concello, pero que non se podería executar sen o apoio da Deputación” O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado da Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, inaugurou este sábado a Capela de Santiago de Lagoa, no Concello de Alfoz, que foi rehabilitada con cargo ó Plan de Comunidades Veciñais de 2008. Os traballos incluíron o acondicionamento do contorno, arranxo da cuberta, pintura e mellora da instalación eléctrica. Gómez Besteiro destacou que “hoxe os veciños poden dispoñer da Capela en perfectas condicións. Coa axuda da Deputación ademais de satisfacer a súa demanda contribuímos a conservar unha das infraestruturas máis emblemáticas deste Concello, xa que data do século XVI”. Os traballos realizados tiveron un custe total de 40.000 euros e o organismo provincial achegou para esta actuación 12.000, a máxima cantidade que outorga esta institución por cada axuda que se acolle ó Plan. A través desta iniciativa, Alfoz recibiu da Deputación o ano pasado 29.115 euros, que serviron para acondicionar, ademais da Capela, varias pistas deste municipio que dan acceso á parroquia de Oiras e ó barrio do Castro. O Pleno provincial aprobou este martes o Plan de Comunidades Veciñais de 2009. Dentro desta anualidade, a este municipio correspóndenlle 21.470 euros, que irán destinados ó alumeado público de varios barrios e da zona de Rizal, así como ó acondicionamento da pista dos Agros. O titular provincial subliñou que “como se pode ver hoxe, o Plan de Deputación é un bo modelo porque inclúe obras pequenas, que non menos necesarias, que esixen a unión veciñal e que non se poderían facer sen a aportación da Deputación”. O acto inaugural contou tamén coa celebración dunha Misa, na que ademais de numerosos veciños, participaron os representantes da Comunidade Veciñal que solicitou a obra.