Deputación de Lugo

A ruta A Cabalo protagonista por primeira vez na modalidade Xtreme de Km0

Imaxe deputación de lugo
É a terceira ruta que se inicia dentro do innovador programa medioambiental, despois da viaxe en helicóptero, que inaugurou o Presidente da Deputación, e da actividade de tirolina

285 persoas participan esta semana no programa de visitas medioambientais que promove o organismo provincial Un grupo do Centro de Estudos do Corgo e o outro da Asociación de Comerciantes e Empresarios da Pobra de San Xillao, foron recibidos este martes no Pazo de San Marcos dentro do programa de visitas institucionais Km0 que promove a Deputación. No primeiro caso, os participantes elexiron a zona sur da provincia, onde coñeceron o petroglifo e a igrexa de Proendos, e degustaron o viño da Ribeira Sacra na adega “Casa Noguedo”. Tamén percorreron o Centro de Artesanía e Deseño. Os integrantes da Asociación de Láncara visitaron o Concello de Viveiro, concretamente, a igrexa de Santa María do Campo, a Muralla e a Porta de Carlos V, a praia de Covas e subiron ó monte de San Roque. Previamente e dentro do centros que dependen do organismo provincial, coñeceron o de Terras do Miño e o contorno desta Reserva da Biosfera. A ruta “A Cabalo”, incluída na modalidade Xtreme de Km0 será a protagonista de mañá. 24 membros do colectivo Proxecto Home inaugurarán esta iniciativa que ofrece o programa pioneiro en España da Deputación, e que se desenvolverá no Concello de Meira, a partir da 15:00 horas. Trátase dunha actividade deportiva, sen custe algún para os participantes e cunha hora de duración. Esta é a terceira actividade que se inicia dentro desta modalidade que permite coñecer a provincia a través do deporte e da multiaventura, despois da viaxe en helicóptero, que inaugurou o Presidente da Deputación no mes de setembro en Ribadeo, e da de tirolina. Antes de facer a ruta a cabalo, os participantes visitarán a oleiría de Bonxe. Por outra banda, membros da Asociación de Mulleres en Igualdade de Sober visitarán a illa Pancha e farán un percorrido a pé ata o Castelo de San Damián, ademais de visitar a ría de Ribadeo, a Torre dos Moreno e o casco histórico deste municipio mariñano. Por último, a Asociación de Mulleres de San Bartolomeu-Insua de Vilalba optarán o xoves pola Ribeira Sacra, onde redescubrirán o balneario de Augas Santas, o Pazo de Goian e a adega de San José. Ese mesmo día, veciños do Concello de Carballedo decantaranse pola Terra Chá. Neste caso, ademais de visitar a Fundación TIC, coñecerán o seguidor solar, a área recreativa de Vilalba, a Torre dos Andrade, o Museo Arqueolóxico vilalbés e a charca de Alligal.