Deputación de Lugo

O CENTRAD sumérxese na cultura oriental cun curso pioneiro de confección de alfombras

Imaxe deputación de lugo
Dende este luns e ata o 13 de novembro, a sede do Centro de Artesanía e Deseño acolle a xornada “Tear de alto lizo-alfombras”

O Centro de Artesanía e Deseño, dependente da Deputación, sumérxese na cultura oriental coa posta en marcha dun novo curso de confección de alfombras con nós turcos, persas, “durrie”, e “kilim”. Deste xeito, a sede do CENTRAD acolle unha xornada pioneira que se desenvolverá dende este luns e ata o 13 de novembro. No curso “Tear de alto lizo-alfombras”, participan 10 persoas que farán pequenas maquetas para alfombras empregando as técnicas orientais. Ao mesmo tempo, tamén se estudarán as características deste produto que, debido a súa complexidade de confección e tempo de dedicación, o seu custo no mercado pode chegar aos 6.000 euros. Na actualidade, só a Real Fábrica de Alfombras e Tapiz de Madrid elabora de forma manual alfombras empregando nós turcos, persas, “durrie”, e “kilim”. A xornada terá lugar no Centro de Artesanía e Deseño do organismo provincial dende as 16:00 horas e ata ás 21:00 horas. Cursos de cestaría O amplo programa de cursos do CENTRAD leva unha nova xornada de cestaría a Castro de Rei, concretamente a sede da Asociación de Mulleres Rurais A Xuventude, en a Ponte de Outeiro, onde os membros deste colectivo aprenderán técnicas de elaboración de distintas pezas. O curso desenvolverase dende este luns e ata o mércores, de 16:00 horas a 19:00 horas. Ao mesmo tempo, esta fin de semana, o local que o CENTRAD dispón no Río Rato, foi o escenario da xornada “Cestaría castelá de palla-bolsos”, onde 16 persoas, algunhas delas desprazadas dende País Vasco, Castela e León, e Asturias, coñeceron de primeira man as técnicas de cosido en espiral que empregan os artesán de cestaría de palla no centro da península.