Deputación de Lugo

Gómez Besteiro anuncia 1,2 millóns de euros para estradas de Xermade e Vilalba

Imaxe deputación de lugo
O Presidente da Deputación inaugurou un centro social na parroquia xermadina de Pazo, que foi rehabilitado co Plan de Comunidades Veciñais da Deputación

O titular provincial destacou que este Plan segue a ser un bo modelo porque inclúe obras pequenas, pero non menos necesarias, que non se poderían facer se non tivesen o apoio da Deputación O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este sábado no transcurso da inauguración do centro social da parroquia xermadina de Pazo, que o organismo provincial realizará obras de mellora en dous treitos de dúas estradas provinciais de Xermade e Vilalba. Trátase da CP 2206 de Casanova por Lousada á de Lanzós a Vilapedre, desde o punto quilométrico 0,000 ó 1,950, e da CP 6509 de Carrizo a Lousada, desde o punto quilométrico 0,000 ó 9,277. En total, preto de 12 quilómetros, nos que se levará a cabo a ampliación da calzada, acadando os 5,50 metros. Nesta actuación, o organismo provincial investirá 1,2 millóns de euros. As obras comezarán no primeiro trimestre de 2010. Gómez Besteiro subliñou que satisfacemos unha demanda dos veciños destes dous municipios. Realizamos un importante esforzo inversor nestas estradas, xa que as obras serán financiadas integramante pola Deputación. Ademais, aplicaremos unha capa de aglomerado en quente co que garantizamos non ter que volverlles a tocar en moitos anos. O titular provincial fixo este anuncio no transcurso da inauguración do centro social de Pazo, que foi rehabilitado co Plan de Comunidades Veciñais de 2008. Para a remodelación desta infraestrutura, a Deputación achegou un total de 12.000 euros, que serviron para acondicionar o local, que na actualidade xa está a ser empregada polos veciños como zona de reunión. O titular provincial destacou que este Plan segue a ser un bo modelo porque inclúe obras pequenas, pero non menos necesarias, que non se poderían facer se non tivesen o apoio da Deputación. Despois de moitos anos, os veciños desta parroquia de Xermade teñen un local en condicións no que poden facer as reunións e para nós é unha satisfacción comprobar que investimos os cartos en servizos que benefician ós cidadáns. No acto de inauguración tamén participaron o Alcalde de Xermade, Tomás Rodríguez Arias, o Director do CETAL, Eduardo Vidal, a Deputada de Economía e Alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín, presidentes de asociacións veciñais de municipios limítrofes e máis de 100 veciños de distintas parroquias do municipio. O centro social de Pazo construíuse no ano 1914 grazas á man de obra dos veciños e da aportación económica de xermadinos que emigraron a Cuba. A edificación tiña dúas prantas, unha cumpría as funcións de local social e, a outra, estaba destinada a colexio. En 1936 foi incautada e entregada ó Concello, momento no que só tiña funcións educativas ata que, cando se crearon os grupos escolares, quedou en total abandono. Dende hai máis de 20 anos realizáronse xestións para a súa recuperación, pero non foi ata 2007 cando se procedeu á súa restauración, que foi completada coa axuda da Deputación. A través do Plan de Comunidades Veciñais de 2008, o organismo provincial tamén destinou 12.000 euros ó acondicionamento da escola Casa Bella, na parroquia de Casás. Investimentos da Deputación en Xermade O organismo provincial tamén está a realizar outros investimentos neste municipio por valor de 300.000 euros. Este Concello está integrado na zona 5 do Plan de Conservación Integral das Estradas Provinciais, xunto cos de Muras, Vilalba, Guitiriz e Begonte. O mantemento dos 74,19 quilómetros provinciais de Xermade foron adxudicados en 185.634 euros. Asimesmo, este municipio conta con 2.293 habitantes, polo que a través do Plan de Pequenas Infraestruturas de 2009 recibiu 17.000 euros para o acondicionamento do camiño de Zaipa. Asimesmo, tamén recibiu 16.410 euros do Fondo Extraordinario da Deputación que complementou o Fondo de Investimento Local do Goberno Central. Esta cantidade corresponde ó 4% dos 410.259 euros concedidos a través do Plan E. A institución provincial tamén prestará asesoramento ó Concello de Xermade en materia de recursos humanos. A Deputación dota ós municipios que solicitan o apoio do organismo provincial de servizos que debido ó seu elevado custe eles por si sós non poden sufragar. Trátase dunha actuación importante porque só facer unha Relación de Postos de Traballo nos 11 Concellos que solicitaron o asesoramento da Deputación supón un custe para a institución provincial de 500.000 euros.