Deputación de Lugo

A Deputación axuda ós gandeiros a rentabilizar os residuos das súas explotacións

Gómez Besteiro anuncia a contratación da 1ª fase do programa medioambiental Lugo2 por un importe de 500.000 euros

O Presidente ratificou o compromiso estratéxico do organismo provincial cara a economía medioambiental O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou este xoves a contratación da primeira fase do programa medioambiental Lug02 por un importe de 500.000 euros, e que inclúe dúas liñas de actuación dirixidas á economía dos gandeiros e ás novas tecnoloxías. Gómez Besteiro subraiou que “isto supón un cambio de estratexia no senso de apostar pola economía medioambiental e todo o que rodea o uso, a protección e o desenvolvemento dos entornos naturais de Lugo. Esta é unha cuestión fundamental porque dos 10.000 metros cadrados que ten a provincia, máis da metade están hoxe declarados Reserva da Biosfera. Temos que conseguir o que está pasando noutras zonas de Europa nas que o medio ambiente é o catalizador de iniciativas económicas e de desenvolvemento”. Dentro da primeira liña de actuación a Deputación axudará os gandeiros da provincia a rentabilidar os residuos das súas explotacións e conseguir así unha diminución dos impactos que ten a súa actividade no medio natural. “Un dos grandes problemas que hai hoxe nas explotacións gandeiras é o tratamento dos residuos. Estamos tamén implicados no Centro de Recría donde ademais o tratamento ambiental dos residuos vai ser unha obsesión, xa que neste centro poden estar 3.000 novillas ó ano. Estudaremos as posibilidades de facer rendibles o aproveitamento dos residuos orgánicos, buscando rendibilidade económica e medioambiental”. O ámbito de actuación deste proxecto abrangue 37 Concellos da provincia que ocupan unha área total de 544.639 hectáreas e que están incluídos nas 3 Reservas da Biosfera (Terras do Miño, Ancares, Río Eo-Oscos-Terras de Burón) e Courel. A actuación conta cun investimento de 200.000 euros. Ademais de levar a cabo campañas formativas e asesoramento personalizado e individual ós gandeiros, a Deputación tamén porá en marcha unha experiencia piloto en zonas da provincia, que consistirá na xestión de residuos de tipo orgánico para a súa reutilización mediante o tratamento da compostaxe libre de olores, sementes de malas herbas e bacterias, de forma que pode ser almacenada sen molestias ata a súa utilización. “Con isto conseguiremos reducir a cantidade de residuos producidos mediante o cambio nas prácticas gandeiras, aplicación directa de xurro e esterco como fertilizante para cultivos nas épocas axeitadas ou coñecer as tecnoloxías máis axustadas para mitigar o impacto ambiental cara unha actividade agrogandeira sostible”, engadiu o Presidente da Deputación. Sistema de Información Xeográfica A segunda liña de actuación contempla a creación dun SIX (Sistema de Información Xeográfica). Con esta actuación porase a disposición dos cidadáns un portal web informativo e multimedia de todos os recursos de interese existentes na tres Reservas da Biosfera (Terras do Miño, Ancares e Río Eo-Oscos-Terras de Burón) e Courel. Este Sistema inclúe información territorial que poderá descargarse en dispositivos móbiles (tipo PDA, XPS ou teléfono móbil) para que o turista ou os veciños poidan consultala en calquera punto. O SIX proporcionará información ambiental e cultural como rutas de sendeirismo, ciclismo, establecementos hostaleiros, meteoroloxía, eventos festivos, etc. Neste macropoxecto a Deputación inviste 300.000 euros. Realizarase, como mínimo, en castelán, galego, inglés e portugués dada a tipoloxía dos visitantes que elixen a nosa provincia como lugar de destino turístico. Segundo datos do Instituto Galego de Estadística, aparte de Galicia, a maioría proceden de: España, Alemaña, Francia, Portugal, Reino Unido, Resto Europa e Hispanoamérica. Visita instalacións de nova creación O Presidente da Deputación amosou ós xornalistas as instalacións reformadas da Deputación e que albergan novas áreas como Cooperación cos Concellos e departamentos de recente creación como Km0 ou Lug02. Co obxectivo de prestar ós cidadáns un servizo de calidade e de que os traballadores poidan realizar as súas funcións en boas condicións acometéronse diversas obras de acondicionamento dentro do Pazo de San Marcos, que ten unha superficie aproximada de 15.000 metros cadrados. Precisamente, a Área de Cooperación cos Concellos ocupa toda a parte central da primeira planta da Deputación debido a que supón un dos principais departamentos ó igual que Km0 polo número de visitantes que acuden a realizar consultas cada día. Para adecuar estes locais, a Deputación investiu 409.691 euros.