Deputación de Lugo

O Vicepresidente Primeiro da Deputación inaugurou está mañá o
VI Curso de Arte Galega no Museo Provincial

Esta sexta edición do curso tratará sobre o Barroco en Galiza e a súa relevancia na provincia de Lugo

O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, inaugurou esta mañá, xunto con representantes da USC, no museo provincial a VI edición do Curso A Arte Galega que este ano levará por título O BARROCO EN GALIZA: A SÚA RELEVANCIA NA PROVINCIA DE LUGO. Este curso desenvolverase, en sesións de mañá e tarde, entre os días 14 e 18 de abril. Os principais destinatarios do curso serán: guías e intérpretes de turismo, persoal de museos e estudantes de titulacións académicas vencelladas coa arquitectura, as belas artes e o turismo. O vicepresidente primeiro, Antón Bao, sinalou a necesidade da celebración deste tipo de cursos para que as persoas que teñen como responsabilidade ensinar, restaurar e conservar o noso patrimonio, coñezan en profundidade as súas características e peculiaridades “neste curso conflúen, claramente, dous dos obxectivos marcados polas áreas da Deputación, nas cales ten responsabilidades de goberno a forza política á que represento, que son a posta en valor e conservación do noso patrimonio histórico-artístico e a promoción turística. É moi importante desenvolver accións formativas dirixidas ás persoas que son e serán as encargadas de conservar e promocionar o valioso patrimonio histórico-artísitico galego”. Antón Bao solicitou dos asistentes un especial coidado dos nosos valores patrimoniais “tedes nas vosas mans a responsabilidade de conservar e espallar o coñecemento do noso patrimonio que é, a fin de contas, unha das pezas fundamentais da nosa identidade”. Bao referiuse, tamén, á importancia de transmitir a propios e visitantes a riqueza do noso patrimonio histórico-artísitico “Tan importante é a tarefa dos que, co voso traballo, recuperaredes e conservaredes pezas arquitectónicas como a laboura dos que transmitides á sociedade as singularidades e valores da nosa riqueza artística”. 15 CHARLAS E UNHA VISITA GUIADA Os asistentes a este curso ampliarán os seus coñecementos sobre o Barroco Galego con quince charlas que se repartirán en xornadas de mañá e tarde entre o luns, día 14 e o mércores, día 16. O xoves, día 17, os participantes achegaranse a coñecer os mosteiros de Samos e Lourenzá guiados polo técnico do museo de Lugo, Fernando Arribas. Na mañá do venres, día 18, rematará o curso cun acto, ás 13:30 horas, no que o responsable de Cultura da Deputación, Antonio Veiga, procederá á clausura do curso e á entrega de diplomas aos asistentes.