Deputación de Lugo

Antón Bao inaugurou a exposición do que se autodefinia como “Obreiro da escultura”, o tudense Cristino Mallo

Máis de 80 pezas do escultor de Tui permitirannos un percorrido pola delicadeza, tenrura e rotundidade da súa obra de monumentais miniaturas

O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, participou hoxe na inauguración da exposición do escultor de Tui, Cristino Mallo. Esta exposición, que estará aberta ao público ata o 30 de marzo, inclúe máis de 80 pezas entre bronces, xesos orixinais, debuxos e bosquexos, o que nos permite un percorrido pola delicadeza e tenrura das súas temáticas habituais, e a rotundidade formal, case monumentalidade en miniatura, da súa técnica escultórica. A formulación didáctica da mostra estará reforzado nos seus distintos ambientes por paneis informativos, tanto biográficos, como de observacións sobre o método que utiliza nas súas obras. CRISTINO MALLO naceu en Tui en 1905, pero pronto se trasladou á cidade asturiana de Avilés onde comezou a súa formación como artista asistindo á Escola de Artes e Oficios. Anos máis tarde trasladouse a Madrid, onde asistiu á Escola de Belas Artes de San Fernando e á Escola de Artes e Oficios ata terminar os seus estudos en 1927. Tamén foi na capital onde desenvolveu a súa carreira artística. O seu primeiro encargo importante foi unha lápida conmemorativa para Manuel Ventura Figueroa, fundador do Hospital Real de Santiago de Compostela. Desde ese momento e ata o seu falecemento, en 1989, recibiu numerosos recoñecementos, como o Premio Nacional de Escultura en 1933 pola súa magnífica obra en mármore branco Espido en Peixe. Na exposición nacional de Belas Artes de 1952 gana a terceira medalla en debuxo, e en 1954 consegue a primeira, en escultura, coa obra Espido andando, cedida polo Museo Reina Sofía a esta exposición. Foi elixido membro de número da Real Academia de San Fernando, aínda que despois rexeitou o cargo, e obtivo a Medalla de Ouro de Belas Artes en 1983. Esta exposición, que se encadra dentro dos actos conmemorativos do 75º aniversario do museo e está patrocinada por Caixa Nova, permanecerá aberta do 26 de febreiro ao 30 de marzo no museo provincial de Lugo.