Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación entrega este xoves os diplomas ós usuarios dos hortos do Rato

Imaxe deputación de lugo
O organismo provincial, en colaboración coa Federación da Asociación de Veciños, vén de ceder o uso de 20 novas parcelas

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, entregará este xoves os diplomas de usuarios dos hortos do río Rato e de Ponte Romai ás persoas que están a empregar as parcelas cedidas polo organismo provincial en colaboración coa Federación de Asociacións de Veciños de Lugo. Neste momento, están cedidas 109 parcelas no Paseo do Rato e 35 na zona de Ponte Romai. Das 144 totais, 20 foron adxudicadas recentemente e hai solicitadas outras 30. O documento que entregará o máximo responsable provincial recoñece o dereito de emprego destas parcelas, que están ubicadas en terreos de titularidade provincial. Esta iniciativa está incluída dentro do programa europeo Lug02, que ten entre os seus obxectivos a posta en valor do medio ambiente da nosa provincia e a promoción dos produtos autóctonos. Nesta parcelas, que teñen unha superficie aproximada de 35 metros cadrados, os usuarios prantan diversos produtos, como allos, cebolas ou pementos, que son para autoconsumo. Os usuarios dos hortos dispoñen de xeito gratuíto de todas as ferramentas necesarias así como das sementes. Ademais, contan coa axuda de monitores para resolverlles as dúbidas e os problemas que poidan xurdir.