O Presidente da Deputación inaugura a segunda edición de Fimoble
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_3067_1.jpg)
O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este xoves a segunda edición da Feira Internacional do moble, Fimoble, que estará aberta ata o domingo no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, e na que colaboran a Deputación e o Concello de Lugo. Gómez Besteiro dixo que hai un valor esencial que é a confianza e ofreceu o total apoio da institución provincial para este tipo de encontros empresariais. Sinalou que é bo que haxa moito movemento de negocio porque o beneficio ó final repercute en todos. O máximo responsable provincial lembrou a importancia que teñen en Lugo as explotacións forestais así como a industria do moble, que conta con preto de 200 empresarios en toda a provincia. Temos que loitar para que ese valor engadido que se produce desde a prantación ata a venda do moble se quede na nosa provincia, apuntou Gómez Besteiro. O titular do organismo provincial avogou por que desde a Deputación, o Concello e todos os que se sumen, fagamos que esta feira sexa cada vez mellor e se fale cada vez mais de Lugo. A segunda edición de Fimoble ocupa 10.000 metros cadrados expositivos consolidándose coma a principal feira do moble de Galicia. Este ano participan 90 expositores, 30 máis que na primeira edición. A feira diríxese exclusivamente a profesionais do sector: fabricantes, distribuidores, importadores, exportadores, asociacións, empresas e organismos oficiais relacionados. Estes poderan avaliar a oferta e as últimas novidades e tendencias en mobiliario oficial, auxiliar, de xardín, terraza, tapizado, colchonería, mobiliario xuvenil, iluminación e complementos de decoración. Son fabricantes chegados desde diferentes partes de España e Portugal. A organización agarda superar os 700 profesionais que pasaron polo Pazo de Feiras en 2007.