Deputación de Lugo

Gómez Besteiro e Lara Méndez participarán na Cea de Gala da Asociación de Empresarios Galegos
en Cataluña

Imaxe deputación de lugo
Os mandatarios provincias aproveitarán o evento para implicar ós empresarios no desenvolvemento da provincia

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, asistirán á Cea de Gala 2008 que organiza a Asociación de Empresarios Galegos en Cataluña que este ano chega á cuarta edición. Deste xeito, os dous mandatarios provinciais participarán no evento que se celebra en Hospitalet de Llobregat e no que se entregarán os Títulos de Excelencia Galega 2008 a personalidades relevantes do mundo das Artes, Ciencias, Comunicación, Finanzas e Ciencias Políticas. Precisamente, no eido comunicativo o premio recae na Presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro. Gómez Besteiro, destacou que “é un motivo de satisfacción que o título recaiga no diario lugués, xa que coincide ademais co ano do centenario do xornal”. No evento daranse cita 400 persoas, entre as que se atopan personalidades relevantes de Lugo e de Galicia, como o Presidente de Filmax, Julio Fernández, o Director Xeral do IGAPE, Álvaro Álvarez-Blázquez, representantes políticos do partidos cataláns, o Presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Antonio González Nieto, o Fiscal Xefe de Galicia, Carlos Varela, e a Alcaldesa de Hospitalet. Neste senso, o responsable provincial subraiou que con esta viaxe “fortalécense as relacións iniciadas no mes de setembro. Nós queremos manter unha comunicación permanente cunha comunidade tan importante como é a dos galegos en Cataluña. Compartiremos mesa e mantel con empresarios de éxito lugueses, unha oportunidade da que sairán grandes ideas de participación”. A Asociación catalana está formada por 500 empresas, a maior parte de Lugo, que dan emprego a 20.000 persoas. Gómez Besteiro sinalou que aproveitarán a ocasión para expoñerlles ós galegos residentes en Cataluña como afectará o novo Plan Director de Estradas de Galicia a Lugo e as principais actuacións que está a poñer en marcha a Deputación co obxectivo de implicalos no desenvolvemento da provincia. “En definitiva, temos que ter unha comunicación permanente con aqueles que dispoñen de capital para que participen nos nosos investimentos. Tamén lles exporemos cales son as principais actuacións e cal é a nosa aposta de futuro en materia tecnolóxica e medioambiental. As administracións non poden traballar solas. Queremos contar con este colectivo, unha comunidade que ademais é moi participativa dentro do mapa da emigración en España”.