Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo elaborará o Plan de Obras do canon de Chantada

O goberno provincial avoga pola implicación da Deputación e da Consellería de Medio Rural no CETAL

A Deputación de Lugo será a encargada de elaborar o plan de obras plurianual co que se pagará o canon enerxético ó Concello de Chantada, segundo dixo este venres o voceiro do grupo provincial socialista, Antonio Gato Soengas. “A competencia para deseñar este plan de investimentos, a desenvolver en tres anos, é da Deputación”. Gato Soengas avanzou que a débeda que ten contraída o Concello de Chantada polo Imposto de Actividades Económicas “terá que ser compensada dentro do marco global do devandito Plan de obras”. O voceiro socialista temén destacou o feito de que o actual Alcalde chantadino, Manuel Taboada, fose “o primeiro que se interesou por este asunto”, e que unha vez cumprido o compromiso con este municipio “a Deputación enfocará esta obriga cos outros concellos afectados polo canon”. Implicación co CETAL Por outra banda, Antonio Gato anunciou que a Deputación establecerá medidas de colaboración coa Consellería de Medio Rural “para aproveitar os importantes recursos agropecuarios que ten o organismo provincial, como a Granxa Gayoso-Castro ou a finca do Pazo de Tor”. O voceiro do PSOE sinalou que o goberno provincial tamén está aberto a colaborar noutros asuntos relacionados co mundo rural, e destacou especialmente o CETAL (Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo), “no que tanto a Deputación como a Consellería de Medio Rural deben implicarse”. Ademais dixo que “nunha recente entrevista que mantiven co delegado de Medio Rural, Emilio López, este amosoume o seu interese en programas destinados a colaborar na mellora dos núcleos rurais dos concellos da provincia e na realización de plans de pequenas infraestruturas e servizos para mellorar as condicións de vida dos nosos agricultores”. O voceiro socialsita avogou por “unha colaboración sinceira sen que se solapen os recursos das dúas administracións”. Acordos Xunta de Goberno A Xunta de Goberno deste venres abordou dous convenios coa Universiade de Santiago de Compostela. Nun caso, o goberno provincial ratificou o acordo coa USC para a realización dunha auditoría dos elementos informáticos da entidade provincial, ó que a Deputación destinou 11.961 euros. Gato Soengas avanzou que “a Área de Cooperación está estudando a posiblidade de realizar tamén auditorías en todos os concellos para coñecer os recursos informáticos dos que dispón cada un, e para saber cales son as súas necesidades tanto a nivel material como da propia formación dos traballadores municipais”. O outro convenio coa Universidade ten por obxectivo a realización dun programa oficial de posgrao en prevención de riscos laborais e saúde medioambiental para o que a Deputación aporta 100.000 euros. Por último, a Xunta acordou a suspensión temporal da execución da obra de mellora do enlace existente entre unha estrada provincial en Meira e a N-640. Este proxecto, presupostado en 195.000 euros, non contaba coa pertinente autorización do Ministerio de Fomento, e o goberno provincial acordou a paralización dos traballos á espera de que o Goberno Central conceda este permiso.