Deputación de Lugo

A Deputación abre ó público a única exposición permanente de instrumentos musicais catalogada
en Galicia

402 pezas forman esta colección que contén réplicas de instrumentos medievais únicos en Europa

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, acompañada do responsable técnico da colección, Luciano Pérez, presentaron este mércores a exposición permanente do obradoiro de instrumentos musicais do Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo que quedará aberta ó público desde mañá xoves, 13 de marzo. Lara Méndez asegurou que a exposición supón “un cambio e unha reorientación do CENTRAD que leva moitos anos funcionando, pero que nós quixemos darlle un gran impulso. Trátase dun proxecto ambicioso que nace con ilusión e que busca a consolidación deste oficio artesanal na provincia e en Galicia”. É a única exposición de instrumentos musicais catalagoda e baseada en criterios científicos que existe en Galicia e a única de Europa que conta cun apartado de réplica de instrumentos medievais, “o que fan que sexa unha mostra de incalculable valor”. A colección está formada por 402 pezas, das que máis da metade foron feitas por particulares, 95 de produción propia, 60 doazóns, 39 recuperadas da antiga sección de música do Museo provincial e 2 pezas foron adquiridas recentemente pola Deputación: unha gaita do floclorista Faustino Santalices e unha zanfona construída polos ex directores deste obradoiro Jesús Pérez e Antón Corral. A isto hai que engadirlle a doazón dunha trompa de boca aportada polo seu construtor, Oliverio Álvarez López. Nesto senso, a Vicepresidenta Segunda avanzou que a partir de agora “iníciase unha nova etapa de adquisicións institucionais que permitirán seguir incrementando a colección.”. Lara Méndez explicou que o fin último desta colección “é fomentar o estudo, a formación, a investigación, a catalogación, a conservación e a difusión do Patrimonio Musical Galego para as futuras xeracións, facilitando o libre acceso ó público e á sociedade”. Deste xeito, a Deputación porá a disposición dos artesáns os fondos instrumentais cos que conta o centro: fonoteca, biblioteca e banco de imaxes, o que permitirá, dixo Méndez, “satisfacer unha vella demanda reclamada por todos os fabricantes de instrumentos, xa que moitas veces trátase dunha formación elitista e de difícil acceso polo seu custe económico”. A Vicepresidenta Segunda tamén adiantou que nestes momentos estase a elaborar o proxecto museolóxico e museográfico para que sexa recoñecida oficialmente pola Xunta de Galicia como Colección Visitable. Lara Méndez destacou que “este recoñecemento será decisivo para xestionar a colección con criterios actuais sen perder a súa orixe tradicional”. Contidos da exposición A exposición artéllase en tres salas de xeito que os instrumentos están agrupados segundo os elementos acústicos e as súas características morfolóxicas: aireófonos, cordófonos, idiófonos e membranófonos. Deste xeito, na primeira sala, pódese atopar unha colección de trompas de boca e réplicas de instrumentos do s. XIII, ademais dunha copia das ménsulas do Pazo de Xelmírez de Santiago. Na segunda, pódese apreciar os segredos do funcionamento dun órgano da catedral e unha colección de gaitas. Finalmente, na terceira, consérvase un exemplar de Clave Español do século XVIII, así como varias réplicas dos instrumentos do Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago.