Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación comprometeu o apoio do organismo provincial para a construción do polígono industrial de Pedrafita

Gómez Besteiro dixo que aprobado o PXOM, a Deputación procederá á urbanización dos terreos

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, desprazouse este xoves a Pedrafita do Cebreiro para visitar oficialmente este Concello. Durante a súa estancia no municipio da montaña luguesa, Gómez Besteiro comprometeu o apoio do organismo provincial para a construción do polígono industrial que se ubicará na zona sur do núcleo do Concello, na marxe esquerda da estrada autonómica LU-633, lugar considerado pola Sociedade Urbanística Provincial como idóneo e que permite, con obras de escasa complexidade, dotalo de servizos urbanísticos necesarios para que a nova Área Industrial cumpla coas súas expectativas. Acompañado do rexedor municipal, Xosé Luis Raposo Magdalena, do Deputado de Urbanismo e Medio Ambiente, Miguel Ángel Sotuela, e de técnicos provinciais, o máximo mandatario provincial mantivo unha reunión cos veciños para explicarlles o procedemento a seguir para a construción desta infraestrutura que contará cunha primeira fase de 20.000 metros cadrados, que podería verse ampliada en función da demanda de parcelas por empresarios da zona. Neste senso, Gómez Besteiro indicou que “se satisface unha vella demanda do Alcalde na que todos, Deputación, Concello e propietarios debemos arrimar o ombro para darlle saída ó novo polígono que permitirá que as empresas se instalen en Pedrafita, Concello que é a entrada de Lugo e Galicia pola A-6”. O Presidente da Deputación explicou que unha vez que o Concello aprobe o Plan Xeral de Ordenación Municipal, a Deputación acometerá a urbanización dos terreos. “Hai un prezo de referencia co que traballa SUPLUSA para a valorización das parcelas. Ocuparemos os terreos, xa que o Concello estará pronto en posesión do PXOM. O Alcalde xa ten o compromiso pechado da Deputación”. Pola súa banda, o Alcalde de Pedrafita, Xosé Luis Raposo Magdalena, agradeceu o compromiso do máximo mandatario provincial, así como a súa visita ó Concello. “Levo 22 anos como Alcalde e é a primeira vez que, acompañado dos membros da Corporación, recibo ó Presidente da Deputación”. Raposo Magdalena engadiu que “o Presidente xa tiña dito que cando viñera a Pedrafita sería cun pan debaixo do brazo. Agora parece que existe por parte da Deputación a disposición económica para acometer os trámites do polígono”. Deste xeito, o Alcalde subliñou que “esta actuación, contribuirá a evitar a perda de poboación, xa que os núcleos de Pedrafita van a menos. Aínda que temos o Camiño de Santiago e a autovía, o polígono era o que lle faltaba a este Concello para que as empresas teñan donde instalarse. Entre todos temos que facer que sexa unha realidade”. Visita Oficial a Pedrafita O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, foi recibido na Casa Consistorial de Pedrafita, un Concello que conta 1.414 habitantes e unha superficie municipal de 104,68 quilómetros cadrados. Na actualidade dispón de 166,85 quilómetros de rede viaria, dos que o 30,23% son de titularidade provincial. Logo de saudar os membros da Corporación e de asinar no Libro de Ouro procedeuse ó intercambio de agasallos. Gómez Besteiro entregou a Raposo Magdalena unha bufanda de seda e unha peza de cerámica elaboradas polo Centro de Artesanía e Deseño da Deputación. Pola súa banda, o máximo mandatario provincial recibiu un cadro que amosa a reforma que experimentou o núcleo de Pedrafita. O titular da Deputación e o rexedor municipal mantiveron unha reunión privada no despache do Alcalde. Raposo plantexoulle a Gómez Besteiro outras necesidades deste Concello como o saneamento de varios núcleos de poboación, a reposición do firme da estrada que comunica este Concello con Cervantes, C.P. 4504 de Pedrafita ó Portelo, así como a construción da segunda fase da estrada provincial 1301 que vai de Pedrafita á Seoane do Courel, no treito de Pacios a Hospital. Esta actuación incluirá o cambio de trazado.