Deputación de Lugo

Novo curso de galego para inmigrantes

A II Edición de A Nosa Lingua ¡Faina Túa! tratará de conciliar os horarios laborais co horario do curso para facilitar a asistencia das persoas traballadoras

LUGO, a 26 de decembro de 2007. A Área de Cultura da Deputación presentou esta mañá en rolda de prensa un curso de formación para inmigrantes destinado á aprendizaxe do idioma galego. Esta é a II edición deste curso que leva por título A Nosa Lingua ¡Faina Túa!. O curso está coordinado polo ILEA (Instituto Lucense de Expresión e Arte), dependente da área de Cultura da Deputación e conta co apoio da Secretaria Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza e da Subdelegación do Goberno de Lugo. Na presentación estiveron presentes, ademais da coordinadora do curso Teresa Iglesias, o responsable da área de Cultura e Deportes, Antonio Veiga Outeiro e o Vicepresidente Primeiro da Deputación. Segundo o vicepresidente primeiro, Antón Bao “este curso de formación en lingua galega pretende actuar como ponte cultural para que as persoas que chegan a Galiza poidan integrar a súa propia cultura coa galega”. Dentro dos obxectivos do curso está a plena integración dos inmigrantes e dos emigrantes retornados na sociedade galega, evitando que o coñecemento do idioma poida converterse nunha barreira. É un deber das administracións facilitar ás persoas que chegan ao noso país os medios para a aprendizaxe do idioma galego. Nesta senso o responsable de Cultura, Antonio Veiga indicou que “hai que lembrar que o noso idioma é sinal de identidade dun país que exportou a un número elevado da súa poboación e que na actualidade se converteu en receptor de moitas persoas que o consideran axeitado para residir”. APRENDER GALEGO EN 30 HORAS A duración do curso será de 30 horas e terá unha parte teorico-práctica e unha parte multimedia. Levarase a cabo no salón de actos da Deputación de Lugo. Unha vez aberto o prazo de matrícula acordaranse cos participantes as datas e horarios para axeitalo, na medida do posible, ás preferencias dos asistentes e así poder conciliar os horarios do curso coa súa xornada laboral.