Deputación de Lugo

Antón Bao entrega o I Premio Embaixador da Gastronomía e do Turismo de Lugo no exterior

Imaxe deputación de lugo
Adolfo Escobar Ferreiro, propietario dos restaurantes O Grelo e O Recanto en Madrid, recolleu este galardón no transcurso da gala anual da Asociación Provincial de Hostalería de Lugo

O vicepresidente primeiro da Deputación, Antón Bao, entregoulle ao empresario lucense, Adolfo Escobar Ferreiro, o I Premio Embaixador da Gastronomía e do Turismo de Lugo no Exterior no transcurso da gala anual da Asociación Provincial de Hostalería de Lugo (APHL) celebrada o pasado domingo no restaurante A Palloza. Co nacemento deste novo galardón, a APHL pretende recoñecer o labor de divulgación realizado por moitos destes profesionais da gastronomía en prol da cociña e da paisaxe lucense. Nesta ocasión, o galardoado recibiu unha placa co lema “…E para comer, Lugo” e un batuxo, elaborado de xeito artesanal e doado pola Área de Cultura da Deputación de Lugo. Tras a entrega, Antón Bao recoñeceu e valorou moi positivamente o labor de difusión da cultura lucense realizado por este e outros empresarios de Lugo, en toda España e noutras partes do mundo. De feito, o vicepresidente primeiro da Deputación recalcou os esforzos realizados e a importancia da existencia de dous restaurantes na capital española como son O Grelo e O Recanto, ambos propiedade de Escobar Ferreiro. Tamén foron galardoados, no transcurso da gala, a alumna da Escola de Hostalería de Foz, Sofía Prieto Lestal, e varios empresarios do sector xubilados recentemente, como Tomás Serén Villarabid, José Luis Otero Ledo, Gil Colmenares Murado, María Torralbos Gonçalves, María Isabel Terrón, José Antonio Rodríguez Díaz e Enríquez Rodríguez Rodríguez. A maiores tamén se lle concedeu un premio especial á Sociedade Deportiva de Hostalería que recolleu o seu vicepresidente primeiro, Fidel Basadre. A sede da asociación remodela as súas instalacións Antes do inicio da gala anual da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo inauguráronse as obras de remodelación das instalacións da sede deste colectivo, localizada na rúa Ramón Montenegro, 15. Ademais disto, neste mesmo lugar celebrouse unha asamblea ordinaria na que se acordou ampliar en cinco as vogalías, a xunta directiva e aumentar en dous a catro anos o mandato do presidente.