Deputación de Lugo

Besteiro e Taboada asinaron o convenio
que salda a débeda histórica da Deputación
co Concello de Chantada

Tras décadas de enfrontamento, a Deputación investirá desde este mesmo ano 4.949.408,21 euros en diferentes obras no municipio

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Chantada, Manuel Anxo Taboada, asinaron este luns o convenio extraxudicial que pon fin a 27 anos de enfrontamento pola débeda histórica do canon hidroeléctrico, contraída polo organismo provincial en contra dos intereses do concello chantadino. Igual de eficiente e áxil que foi o actual equipo de goberno no pago desta débeda, o Presidente ratificou publicamente o seu compromiso de consensuar as obras a executar co Concello de Chantada. Gómez Besteiro tamén anunciou que as primeiras actuacións comezaran a executarse este mesmo ano. Pola súa banda, o rexedor chantadino agradeceu ó Presidente da Deputación a disposición prestada para solucionar o problema. “Desde Chantada xa estabamos fartos de ocupar titulares de prensa por este tema. Sempre se plantexou o conflito xudicial como medio de chegar a unha negociación política que non se quixo facer noutras Corporacións provinciais. A partir de hoxe o goberno chantadino está disposto a colaborar co goberno provincial para levar adiante as inversións”. No documento establécese que a Deputación realizará investimentos en Chantada por un valor de 4.949.408,21 euros durante 3 anos. Este montante é o resultado da resta entre 6.353.178,86 euros, cantidade que adebeda a institución provincial, e 1.403.779,65 euros, cifra que Chantada debe á Deputación polos impagos correspondentes ó imposto do IAE. A Deputación comprométese a consignar a cantidade total no Orzamento dos anos 2008, 2009 e 2010, a razón dun terzo cada exercicio. O documento foi asinado na sede da Deputación, nun acto de marcado carácter protocolario e coa presenza da maior parte da Corporación Provincial. O Presidente impúxolle o Pin de Ouro da Provincia ó Alcalde de Chantada, e este asinou no Libro de Ouro da institución. Con este simbolismo, José Ramón Gómez Besteiro quixo restituír o dano provocado pola Deputación a este municipio e manifestar a nova relación que os une. Para financiar os proxectos correspondentes, a Deputación aprobará nas anualidades indicadas un Plan de Investimentos que determinará as obras, que son da súa exclusiva competencia en cumprimento coa sentenza xudicial existente. Sen embargo, o Presidente explicou que escoitará e chegará a acordos co equipo de goberno de Chantada para determinar as actuacións máis axeitadas para o municipio. Unha vez aprobado o Plan de Investimentos, a Deputación procederá a súa execución mediante a elaboración de proxectos técnicos e entregándolle as obras ó Concello unha vez recibidas. Coa sinatura deste convenio a Deputación retira o recurso interposto contra o auto referenciado e o Concello comprométese a retirar todas as reclamacións e recursos interpostos relacionados con este asunto. Malia que Chantada foi o único Concello que reclamou por vía xudicial o pagamento da débeda que acumulou o anterior goberno da Deputación, existen outros 16 municipios afectados polo aproveitamento hidroeléctrico: O Saviñao, Taboada, Portomarín, Quiroga, Paradela, Carballedo, Pantón, Sober, A Fonsagrada, Negueira de Muñiz, Ribas de Sil, Monforte de Lemos, A Pobra de Brollón, Guntín, O Páramo e Xermade. Para estes casos, o Presidente xa manifestou o seu compromiso de cumprir do mesmo xeito que se está a facer co Concello chantadino, reservando a tal fin no Orzamento do ano 2008 unha partida que ascende a 2.032.958,79 euros, partida que tamén estará recollida nos anos 2009 e 2010. Investimentos en Chantada Tendo en conta as necesidades do Concello de Chantada, éste quere destinar o importe do canon a investimentos orientados á promoción económica e desenvolvemento do municipio, multiplicando os resultados cos acordos de colaboración asinados coas administracións central e autonómica. Entre as partidas máis importantes, un 25% sería destinado ó saneamento integral dos núcleos rurais das parroquias da ribeira do río Miño, comezando por aqueles que poñan a disposición os terreos. O outro 25% destinariase á sustitución dos sistemas de calefacción do pavillón polideportivo e da piscina climatizada por sistemas máis económicos e eficientes mediante a incorporación das enerxías renovables e construción de novos sistemas de captación, depuración e condución de auga que abastecerán á vila, ó polígono e ós núcleos lindantes co termo municipal. Os cartos restantes destinarianse á participación na construción de solo industrial, proxectos de especial interese aceptados pola Deputación e o Concello, á creación do museo nacional galego da emigración é a construción dun centro CIDE, de iniciativas e desenvolvemento económico, entre outros. Á marxe das obras froito do canon, o Presidente non quixo pasar por alto neste día o novo parque de bombeiros que Deputación e Xunta construirán en Chantada. A construción ten un presuposto de 671.482 euros, cifra que non será incluída nas obras do canon pero que tamén é unha débeda histórica que arrastraba este municipio e toda a provincia. Historia do canon O Concello de Chantada no ano 1992 presentou un recurso contencioso administrativo sobre a distribución do canon de enerxía eléctrica dos exercicios 1981 ó 1985. Como consecuencia, dítouse unha Sentenza da Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia pola que se estima o recurso, condenando á Deputación de Lugo a distribuír entre os municipios afectados a cantidade de 1.354.936 pesetas (8,14 millóns de euros) máis os intereses legais. Despois de varios obstáculos, o Concello solicitou a execución da Sentenza, resolvendo a Sala no ano 1999, que foi recorrido e confirmado polo Tribunal Supremo no ano 2003. Fixaron a indemnización en 1.354.936.600 pesetas, que se sumarían ás 562.020.278 pesetas de intereses ata o 6 de marzo de 1997. Finalmente en marzo de 2007 a Sala fixou como cantidades a investir no municipio de Chantada a cargo do canon eléctrido as sumas de 3.049.438,18 euros e 2.997.953,78 euros en concepto de intereses, requerindo ó mesmo tempo que sexa a Administración Provincial demandada a que proceda á materialización en obras das cantidades mencionadas.