Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación inaugurou as XV Xornadas Técnicas Expomar 2008

Gómez Besteiro subliñou o papel que representará o sector pesqueiro no Plan Estratéxico da provincia

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurou este xoves a décimo quinta edición das Xornadas Técnicas Expomar 2008 que se desenvolven nas instalacións de ABSA (Burela). Gómez Besteiro, que estivo acompañado do Alcalde de Burela e Presidente da Fundación Expomar, Alfredo Llano García, do Delegado da Consellería de Pesca en Lugo, José Ramón Val Alonso e da Concelleira de Pesca, Remedios López Villar, destacou o potencial económico do sector pesqueiro da localidade mariñana e amosou o apoio da institución que preside ós organizadores das Xornadas, que inclúen o IX Encontro Empresarial de Organizacións Pesqueiras. O responsable provincial valorou positivamente a iniciativa e o sector primario da comarcarca. “Creo que a Deputación ten razón de ser cando promove accións coma esta, que simbolizan o proxecto común de provincia. O sector primario burelés e da comarca deben marcar as pautas de traballo da Deputación. Burela e Celeiro son dous centros enconómicos de referencia que a institución provincial debe apoiar”. O máximo mandatario provincial explicou que a Deputación contará cun Plan Estratéxico que, entre outras medidas, potenciará os sectores económicos da provincia. “A Deputación xa está embarcada na posta en marcha do Plan Estratéxico da provincia, o primeiro destas características, no que o sector pesqueiro de Burela e da comarca xogará o papel que merece”. As xornadas quedaron inauguradas oficialmente esta tarde e rematarán o venres, 9 de maio. Durante estes dous días especialistas da materia disertarán sobre os temas que afectan ó sector, entre eles, a xestión sostible dos recursos pesqueiros e o control do peixe desde que sae do caladoiro ata que chega ó consumidor.